Programa especial dedicado á Romaría da Franqueira, este luns pola noite na Televisión de Galicia

0
88

Santiago, 06.06.2022.-    A Televisión de Galicia dedicará este luns pola noite un programa especial á Romaría da Virxe da Franqueira. Neste día, milleiros de devotos acoden en masa ao santuario da Franqueira, no concello da Cañiza, para vivir unha celebración única.

Para contar todo o que sucede nesta romaría, os espectadores poderán gozar este luns do espazo ‘A Franqueira 2022 (Romaría das Pascuillas)’, en que as reporteiras Adela Bértolo, Laura Ríos, Alba Lea e Belén Vara farán un percorrido por todo o que rodea unha celebración que este ano volve con máis forza ca nunca.

Para comezar, as reporteiras acompañarán na peregrinación nocturna os membros da parroquia de San Sebastián das Achas, unha das máis numerosas e que por tradición é a primeira en chegar ao Santuario da Franqueira. A continuación, e xa nos arredores do santuario, estarán coas demais parroquias que levan os seus santos ata ese punto. Na presente edición da romaría agardan máis de 50.

As reporteiras do programa tamén terán tempo para coñecer a ancestral tradición da Virxe da Franqueira e ser partícipes de todos os preparativos dunha emocionante xornada de devoción e troula. Para rematar, vivirán a gran procesión final e a festa campestre cos milleiros de persoas que alí estarán.

Fuente Crtvg.es