Programación especial da CRTVG arredor de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado nas Letras Galegas 2022

0
51

Santiago de Compostela 30.03.2022.-   A CRTVG prepara para o mes de maio unha programación homenaxe sobre a figura e a obra de Florencio Delgado Gurriarán (Vilamartín de Valdeorras, Ourense 1903 – Estados Unidos, 1987), autor homenaxeado este ano na festa das Letras Galegas. A Cidade da Cultura de Santiago acolleu este mércores a presentación do programa de actividades, máis de 150, nun acto presidido polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e no que participaron a académica da Real Academia Galega Marilar Aleixandre; Dolores Vilavedra, secretaria do Consello da Cultura Galega; César Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Ricardo Gurriarán, sobriño e biógrafo do autor; Alfredo García Rodríguez, alcalde do Barco de Valdeorras; Enrique Álvarez Barreiro, alcalde de Vilamartín de Valdeorras e no que tamén interviu Marta Fernández, xefa do Servizo de Comunicación Corporativa e RSC da CRTVG, quen explicou a cobertura prevista polos medios públicos “e a súa colaboración para divulgar esta festa da letras, da lingua e da cultura”.

A Televisión de Galicia e a Radio Galega desenvolverán unha cobertura global sobre a figura do autor ourensán, e preparan  contidos especiais nos seus programas e nos informativos. No Día das Letras Galegas, a CRTVG emitirá o pleno da RAG desde Córgomo, en Vilamartín de Valdeorras (Ourense), tanto no portal crtvg.gal como na Radio Galega. Ademais, o 17 de maio emitiranse  un ‘Especial ZigZag’ na primeira canle, e un ‘Galicia por diante’ monográfico e un ‘Especial Diario cultural’ na RG. E durante todo maio, TVG emitirá as micropezas ‘Polos vieiros de Florencio’, cedidas pola Real Academia Galega e nas que diferentes persoeiros da cultura reflexionan sobre a traxectoria vital e a obra de Florencio Delgado Gurriarán. A RAG tamén produciu una webserie sobre o autor, que a CRTVG divulgará no eido dixital.

Fondos recuperados do Arquivo Sonoro da Radio Galega permitirán escoitar a voz de Delgado Gurriarán na emisora, que tamén ofrecerá entrevistas en profundidade sobre o autor con especialistas, editores e persoas que o trataron.

Así mesmo, TVG emitirá as micropezas ‘Polos vieiros de Florencio’, cedidas pola Real Academia Galega e nas que diferentes persoeiros da cultura reflexionan sobre a traxectoria vital e a obra de Florencio Delgado Gurriarán.

A programación completarase con cine galego, cun ‘Vivir aquí’ especial co título ‘O galego está de moda’, en que se abordará esta festa das Letras atendendo á actualidade da lingua, así como coa estrea, no prime time do día 17 de ‘Tanxuverbena’, unha verbena artellada arredor das Tanxugueiras que xuntará no mesmo escenario dous fenómenos galegos do momento: un musical, as Tanxugueiras, e un das redes sociais e da televisión, Esther Estévez, presentadora de #DígochoEu.

    Ademais, no eido da súa Responsabilidade Social Corporativa, os medios públicos deseñarán unha campaña divulgativa para todas as canles, con web específica e difusión nas redes sociais.

Fuente Crtvg.es