Programación especial da TVG e a RG para celebrar e dar conta da semana grande de Galicia

0
7

Santiago, 21.07.2019.-     A Televisión de Galicia e a Radio Galega celebran a semana grande de Galicia cunha programación especial baseada na proximidade e nos programas en directo. Haberá filmes, documentais, reportaxes, retransmisións dos actos máis destacados, programas realizados desde a Praza do Obradoiro e, por suposto, unha gala para pasar o 25 de xullo na compañía da Galega. Tamén a páxina web e as redes sociais da CRTVG informarán dos actos principais da semana.

Retransmisión da entrega das Medallas de Galicia e dos Fogos do Apóstolo
    
Para ir quentando motores antes do gran día, a Galega programa xa o martes 23 ‘A Noite de Martín Sheen’, que explorará as raíces galegas deste actor americano que levou o Camiño de Santiago polo mundo adiante. Ás 22.45 h ofrecerase o docu-soapGalego coma Ti’ e de seguido o filme ‘The Way’ (‘O Camiño’).

O mércores 24 ás 13.00 h., a primeira canle retransmitirá a entrega das Medallas de Galicia que concede a Xunta a persoas ou institucións polos seus méritos ao servizo da nosa terra. A partir das 17.30 h., o programa ‘Adiviña quen vén esta tarde’ farase en directo desde Santiago e xa de noite, os protagonistas serán os Fogos do Apóstolo. Desde ás 22:00 h, a TVG ofrecerá un programa en directo que culminará coa retransmisión do espectáculo de fogos artificiais. Fernando Madriñán, Cristina García, Alba Mancebo e Arturo Fernández situaranse na praza do Obradoiro, centro neurálxico destas festas, para vivir toda a expectación que provoca este evento.

E o 25 de xullo, Día de Galicia, comezará coa retransmisión da Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago ás 10.00 h., con comentarios do xornalista Fernando Madriñán. Como cada ano, a TVG ofrecerá en directo este evento que lle dá continuidade á tradición instaurada por Filipe IV en 1643.

E, pola tarde, arredor das 16.15 h., ofrecerase ‘Port’, o primeiro programa conxunto das televisións intercélticas, unha viaxe musical en que interveñen grupos e artistas galegos. A continuación, será o momento de ver un multipremiado documental, ‘Camiño Voyage’, en que  un equipo formado por un escritor, dous músicos, un artista e un canteiro viaxan nun barco tradicional que construíron para ir desde Irlanda ata o norte de España, un traxecto que se converte nunha odisea celta inspiradora e perigosa e que protagoniza a exposición do mesmo nome no Museo do Mar de Vigo. Xusto despois, ‘Adiviña quen vén esta tarde’ segue na capital galega, con moito ambiente neste Día da patria.

E o xoves pola noite, ás 22.00 h. , a TVG ofrecerá unha gala en directo presentada por Xosé Ramón Gayoso, Lucía Rodríguez, Alba Mancebo e Fran Cañotas. Estará dedicada ao traxe galego e contará coa presenza de artistas como Cristina Pato, Herdeiros da Crus, Luar na Lubre, Baiuca, Sabela de OT e Rosa Cedrón.

Ademais, a vindeira semana a G2 emitirá un episodio do programa de ‘Vivir Aquí’ sobre ‘A catedral que non vemos’, así coma o documental ‘A catedral, o templo das estrelas’ e dous filmes que transcorren na capital galega: ‘Doentes’ e ‘A noite que deixou de chover’.

A Televisión de Galicia tamén estreará a serie de catro documentais ‘O Pórtico da Gloria, polos séculos dos séculos’, que afonda na restauración desta obra mestra da catedral de Santiago.

A Radio Galega cubrirá todos os eventos do Día de Galicia

A RG tamén ten preparada unha programación especial para celebrar con todos os galegos e galegas esta semana tan especial para Galicia. Entre outras cousas, o día 24 a radio pública sairá dos estudios de gravación para achegarse ata a praza do Obradoiro e facer desde alí o programa ‘Galicia por Diante’, con contidos especiais sobre o Día do Apóstolo e retransmisión da entrega das Medallas de Galicia. Ás 23.00 h., Moncho Lemos conducirá un programa especial de ‘Fondos Reservados’ dedicado aos Fogos do Apóstolo, que serán retransmitidos en directo a partir das 23.25 h.

O propio 25 de xullo, os magazines ‘Galicia por Diante’ e ‘A Tarde’ centrarán as súas propostas na festividade do Día de Galicia, coa retransmisión dos actos da Ofrenda ao Apóstolo e conexións en directo desde a praza do Obradoiro.  

Fuente: TVG

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here