Programación especial en todas as canles da CRTVG neste 8 de marzo

0
22

Santiago, 07.03.2023.-    Os medios públicos galegos ofrecen este mércores contidos especiais e unha completa cobertura informativa dos actos conmemorativos do 8M en Galicia. Televisión, radio e canles dixitais abordan a xornada con especial atención ás actividades das organizacións sociais e da cidadanía, con reportaxes, entrevistas e pezas que lles dean visibilidade a mulleres referentes nos seus campos e ás mensaxes institucionais que remarquen a celebración.

Ademais, a TVG emite este 8 de marzo unha entrega especial de ‘Vivir Aquí’ (23.30 h) cunha reportaxe documental centrada nas cigarreiras da Fábrica de Tabaco da Coruña, baixo o título ‘Fabricadoras de traballo, xustiza e feminismo’. Ata 4.000 mulleres traballaron a un tempo neste lugar e o programa entrevistará a moitas das últimas 300 que estiveron na factoría ata o seu peche en 2002. E na G2 ofrecerase o documental ‘Onde máis doe’ (00.10 h), dirixido por Manane Rodríguez, cuxa trama expón unha historia onde a violencia vicaria levada a cabo por un pai é o fío condutor. Este achegamento a unha das pólas da violencia machista parte dun suceso real no que un pai asasinou o fillo en 2017.

Ao día seguinte, o xoves 9, a G2 proxectará de xeito íntegro a serie producida polo Consello da Cultura Galega ‘Sophias’, en que se divulga a figura e as ideas de diferentes mulleres filósofas ao longo da historia, desde a Grecia clásica ata os nosos días.

Cobertura dos principais actos na TVG e a Radio Galega

Os servizos informativos da Televisión de Galicia e da Radio Galega darán conta dos numerosos actos institucionais, políticos e sociais que se celebran ao longo da xornada. Ademais, o espazo ‘Bos Días’ da TVG ofrecerá unha entrevista coa directora do Observatorio contra a Violencia de Xénero, María Ángeles Carmona, mentres que ‘A Revista’ recibirá en directo a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e falará con mulleres que desenvolven oficios con maioría de homes. O ‘Galicia Noticias’ estará coa primeira muller policía local de Santiago e o ‘Telexornal Mediodía’ ofrecerá unha peza sobre a primeira muller que traballou nunha fábrica de automoción de Vigo.

Ao longo de toda a xornada do 8 de marzo, os micrófonos da Radio Galega estarán en directo por todo o territorio, con presenza nas catro provincias galegas, para dar conta dos actos institucionais e tamén das iniciativas sociais e cidadás relacionadas con esta data. 

Ademais, a sección ‘O Miolo’ do ‘Galicia por Diante’ da RG reflexionará sobre o lema escollido este ano para celebrar o Día da Muller: ‘Por un mundo dixital inclusivo: innovación e tecnoloxía para a igualdade de xénero’. Para isto, o programa contará coa profesora da Universidade da Coruña Teresa Piñeiro e dun avogado especializado en privacidade e delitos na rede. 

No magazineA Tarde’, falarase da presenza da muller no sector da automoción e do proxecto de escape room virtual ‘A historia de Nelvi’, dirixido a centros educativos e que ten como protagonista unha rapaza sen recursos que chega a ser unha muller emprendedora. E no tempo de ‘Convivir’ na RG abordarase a problemática das mulleres desempregadas de longa duración.

Fuente Crtvg.es