Programación especial na CRTVG para ofrecer esta fin de semana o debate de investidura, íntegro e en directo

0
755

Santiago, 03.01.2020.- Os medios públicos galegos realizarán esta fin de semana unha programación especial para ofrecer, en directo, o Pleno de investidura de Pedro Sánchez como candidato á presidencia do Goberno. En caso de non conseguir a maioría absoluta, fixada en 176 votos, o debate continuará pasadas 48 horas, o martes día 7. A segunda canle da Galega, a G2, e a Radio Galega e a web da CRTVG, de xeito simultáneo, emitirán o debate completo desde o sábado.

A transmisión íntegra da G2, inclúe a lectura inicial da proposta de candidato entregada polo Rey á presidenta do Congreso, a exposición do programa do goberno por parte de Pedro Sánchez, os discursos dos líderes do resto das forzas políticas, as respostas do candidato e a posterior votación, que se desenvolverá o domingo. Deste xeito, a segunda canle da Galega ofrecerá o debate o sábado e o domingo desde as 09.00 h pola mañá e, a partir das 16.00 horas, en sesión de tarde.

Especial cobertura informativa na Radio Galega

Pola súa parte, na Radio Galega, a sesión parlamentaria poderase seguir integramente a través da emisora pública nun especial informativo.

Desde as 08.00 horas da mañá do sábado ata o remate da primeira votación o domingo, a Radio Galega dará cobertura a unha investidura inédita na Democracia española que podería derivar no primeiro goberno de coalición a nivel estatal. A través da web da CRTVG poderase seguir tamén en directo esta programación especial da emisora pública.

Polos micrófonos da emisora pública pasarán desde primeira hora os representantes galegos dos grupos políticos presentes no Congreso dos Deputados. Así, está previsto que interveñan na programación especial da Radio Galega os deputados María Ramallo (PP), Pablo Arangüena (PSOE), Antón Gómez Reino (UP) e Néstor Rego (BNG).

A cobertura informativa completarase coa interpretación política en directo de recoñecidas sinaturas no eido da crónica política como analistas como Javier Casqueiro, Luis Pérez, María Cadaval, Fernando Ónega, Ricardo Colmenero ou Bieito Rubido. Todos eles achegarán as claves do histórico contexto político actual.

Os oíntes da Radio Galega poderán seguir esta programación especial a través das canles habituais (FM e TDT), así como a través da web www.radiogalega.gal e aplicacións móbiles da CRTVG e Radio Player.

Fuente Crtvg.es