Rácing de Ferrol-Vilarreal B, Fuenlabrada-Lugo e Deportivo-Teruel son este domingo os partidos destacados no ‘Galicia en Goles’

0
0

Santiago, 07.09.2023.-    Esta semana comezou a nova programación da Radio Galega e, aínda que o ‘Galicia en Goles’ xa iniciou a nova temporada o 12 de agosto, incorpora varias novidades. A primeira é o regreso da edición nocturna dos venres, centrada no repaso do calendario cos principais protagonistas e a análise dos partidos destacados por parte do equipo deportivo da Radio Galega. De 20:30 a 00:00 h, o programa dirixido por Paco Santos informará ademais da pretemporada do Básquet Coruña co amigable ante o Vitoria de Guimaraes desde o Palacio dos Deportes de Riazor e seguirá os galegos seleccionados por Santi Denia no encontro sub-21 entre Malta e España.

O sábado, Xoán Galán porá en marcha a maquinaria das retransmisións deportivas ás 15:00 h e ata as 00:00 h. A primeira parada será na Madalena, onde o Vilalbés recibe o Avilés na Segunda RFEF. Logo chegará outra cita desta categoría entre o filial do Valladolid e o Pontevedra. Na sesión de noite, o protagonismo será para a Primeira RFEF, cos encontros Celta Fortuna-Cornellá e Osasuna B-Arenteiro. O Barbadás-Silva e o Bouzas-Arousa abrirán durante a tarde a temporada da Terceira RFEF e tamén haberá tempo para o polideportivo, co Noia-Córdoba da Primeira División de fútbol sala e o Obradoiro-Valencia de baloncesto, co trofeo Cidade de Vigo en xogo.

Doutra banda, ‘Galicia en Xogo’, o proxecto conxunto dos equipos de deportes da Radio e a Televisión de Galicia, estrea nova temporada, con Alfonso Pardo. Ás 13:00 h  achégase ao concello ourensá de Trasmirás, co equipo de bicicleta de montaña da vila e o ximnasta Edu Montero como convidados.

Xa pola noite, a sección olímpica actualizará ás 23:30 h toda a información dos deportistas galegos que están competinndo para lograr praza nos Xogos de París 2024.

O domingo, a edición matinal de ‘Galicia en Goles’ principiará ás 11:45 h coa atención posta no Fuenlabrada-Lugo de Primeira RFEF, xunto ao Fabril-Raio Cantabria de Segunda RFEF e tres encontros na Terceira: Viveiro-Bergantiños, Arteixo-Pontevedra B e Celta C-Sarriana. O baloncesto feminino terá oco desde a Malata, co Uni Ferrol-Benfica polo trofeo Cidade de Ferrol. A partir das 15:00 h, o Rácing de Ferrol-Vilarreal B converterase no partido da xornada da Segunda Profesional. O Deportivo-Teruel, de Primeira RFEF, xunto ao Compostela-Arandina, Ourense C. F.-Marino e Langreo-Coruxo, de Segunda RFEF, completarán a tarde de retransmisións. Catro partidos da Terceira RFEF, a presentación do Breogán ante o Valencia no Pazo de Lugo e a estrea do Cangas na Liga Asobal ante o Logroño serán outros asuntos de interese na xornada. A partir das 23:00 h volverán os especialistas de ‘Ao Contraataque’ a pasar consulta ata as 01:00 h, analizando o sucedido cos equipos galegos nos terreos de xogo.

Desde este sábado, as emisións do ‘Galicia en Goles’ volven estar presentes no formato de radio visual a través do YouTube da Televisión de Galicia e as plataformas radiogalega.gal e g24.gal/deportes. Ademais, os espectadores de La Liga Hypermotion poderán escoller a opción de audio de Radio Galega no seu televisor para seguir a narración do Rácing de Ferrol-Vilarreal B.

Fuente Crtvg.es