Radio Galega Música emite en directo os concertos do Festival do Queixo de Arzúa

0
8

Santiago, 27.02.2020.-    Os concertos de El Capitán Elefante, Tequila, Novedades Carminha, Luar na Lubre e Baiuca chegarán en directo esta fin de semana aos ouvintes de Radio Galega Música. O programa ‘Estudio 3’, dirixido e presentado por Ricardo Alonso, emitirase desde Arzúa con motivo da celebración do Festival do Queixo de Arzúa.

As retransmisións arrancan o sábado ás 21:30 horas cos concertos de El Capitán Elefante, Tequila e Novedades Carminha, ata as 02:00 h da madrugada. Xa o domingo, RG Música conectará con Arzúa ás 18:00 h para ofrecerlles aos ouvintes en directo os concertos de Luar na Lubre e Baiuca, na edición especial do programa ‘Lume na Palleira’ coas narracións do seu director, Emilio Españadero

Radio Galega Música aposta pola música en directo e retransmite festivais periodicamente, ademais de ofrecer unha selección musical, sen locutor e sen publicidade, na que se mistura con naturalidade a música galega con outras linguas, como o castelán, o inglés ou o portugués. Renovada no 2018, a emisora é un referente xa na oferta musical en Galicia que emprega as ferramentas dixitais para achegarse ao público máis novo, pero tamén emisións en streaming, podcasts dos programas de autor, listaxes de reprodución temáticas e emisións en Facebook Live e Youtube de miniconcertos dende os estudios da Radio Galega. 

O Festival do Queixo de Arzúa inaugura a súa 45ª edición o venres pola tarde cun concurso de tapas e petiscos, e o sábado, a actriz Benedicta Sánchez, gañadora do Goya 2020 á mellor actriz revelación, será a encargada da inauguración oficial da festa cun pregón ao mediodía. Para máis información, pódese consultar nesta lizazón o cartel do festival: http://www.festadoqueixo.org/wp-content/uploads/2014/10/2020_CARTEL_FESTIVALDOQUEIXO_OK_1200.jpg 

Fuente Crtvg.es