Raúl e Los Vivancos visitan esta noite ‘Luar’ coas súas novas propostas musicais e artísticas

0
6

Santiago, 29.11.2019.-  A música e algunhas das tradicións e historias galegas máis sorprendentes que ofrece ‘Luar’ (22.00 h.) en cada edición, volverán converter a noite do venres na máis entretida na compaña da Galega. Nunha semana en que se conmemorou o Día Contra a Violencia de Xénero, o programa que presentan Xosé Ramón Gayoso e Beatriz Serén sumarase á loita contra esta lacra social e estará dedicado ás mulleres.

Tras case vinte anos de traxectoria artística desde o seu éxito ‘Sueño su boca’, o cantante Raúl regresa esta noite ao musical da TVG para presentarlle á audiencia galega o seu novo sinxelo, ‘Contigo soñando’, un tema pop moi bailable.

Unha artista inesquecible tamén é María Jesús y su acordeón, quen ademais de interpretar o seu popular tema ‘Los Pajaritos’, abraiará os espectadores ofrecendo un popurrí galego.

Los Vivancos visitan ‘Luar’ coa súa elaborada posta en escena, onde destacan a arte  e as espectaculares coreografías dos sete irmáns que compoñen este grupo.

Por outra parte, a cantante nada en México e ribadense de adopción Betty Singh, popular tras o seu paso por un concurso televisivo, achegará unha coñecida rancheira. Outra intérprete deste xénero, a pontevedresa Marietta, será outra das artistas desta edición que, amais, se subirá ao escenario acompañada do versátil Isi.

O compostelán Fiandola encabeza as intervencións de grupos de música tradicional do noso país. Ademais, contarase coa coñecida cantante de orquestra Iria Quintáns, coas Pandeiretas de Tremuzo, coa formación de gaitas Os Coribantes de Buchabade, coa asociación cultural Lembranzas da Ría, e coa banda da Escola de Música de Vilaboa.

No concurso de novos talentos da canción ‘Recantos’ hoxe enfrontaranse coa calidade das súas voces a arousá A China e Patri da Silva, da Mariña lucense.

Fuente Crtvg.es