‘Recámara’ descobre a historia do Parlamento galego, a través das lembranzas dos seus protagonistas

0
5

A serie, de sete capítulos, ofrece desde hoxe entrevistas con ex-deputados e ex-deputadas na cámara galega, que mesturan a historia con vivencias e recordos persoais

Dirixido polo xornalista Xesús Fontenla, este espazo semanal percorre os principais fitos das primeiras sete lexislaturas na cámara galega

'Recámara' descobre a historia do Parlamento galego, a través das lembranzas dos seus protagonistas

Santiago, 08.02.2020.-  Televisión de Galicia estrea este serán ‘Recámara’ (20.20 h), serie de sete capítulos, en que a audiencia coñecerá as anécdotas internas do Parlamento contadas polos seus protagonistas. Concibida como parte da conmemoración do 40 aniversario da Constitución española de 1978, estréase agora, cando só falta un ano para que o Parlamento de Galicia faga os seus propios 40 primeiros anos de vida. En cada entrega semanal, de media hora de duración, recóllense lembranzas, anécdotas e o relato das mellores vivencias acontecidas na cámara galega. Un traballo inxente para o que se realizaron 90 entrevistas, en puntos dispares de Galicia, con centos de horas de conversación.

En 2018 fraguouse este proxecto, dirixido e baseado no libro ‘Anecdotario do Parlamento de Galicia’ do xornalista da TVG Jesús Fontenla, que abriu a posibilidade de recuperar para o gran público a historia -e intrahistoria- que o Parlamento do Hórreo acumula xa ás súas costas. Este percorrido polas primeiras sete lexislaturas da cámara galega está apoiado polos fondos históricos do Arquivo da CRTVG.

Coa idea de crear unha crónica, ás veces desenfadada, ‘Recámara’ ofrece entrevistas con ex-deputados e ex-deputadas na cámara galega, en que se mesturan en primeira persoa a historia do propio Parlamento con vivencias e recordos persoais de cada protagonista.

Fuente Crtvg.es