Reencontro festivo do ‘Pensando en ti’ cos oíntes, este sábado no Carballiño

0
34

Santiago, 8.7.2022.-  O espazo radiofónico ‘Pensando en ti’, un dos programas máis antigos da Radio Galega e líder en Galicia da súa faixa na madrugada, celebra este sábado no Carballiño a súa décimo sexta xuntanza anual cos oíntes. Á ilusión do reencontro coa audiencia, tras dous anos de suspensión debido á pandemia, engádese o festexo dos 25 anos do programa líder nas madrugadas da Radio Galega. O presentador do ‘Pensando en ti’, Marcial Mouzo, apoiado polo humorista Isi -o seu substituto nas ondas este verán de luns a venres-, estará á fronte do festexo, no que se levará a cabo a gravación do programa que se emitirá esa mesma noite, entre a 1.00 e as 6.00 horas.

A xuntanza e gravación terá lugar no Parque Municipal do Carballiño, a partir das 11.00 horas, e será do máis festivo e cheo de sorpresas. Amais, o público, que terá máis protagonismo ca nunca participando en directo, poderalles poñer cara aos colaboradores habituais do programa. Como en toda gran romaría popular, a música será un dos ingredientes destacados, coas actuacións de María do Ceo, Marietta, Merchy Treviño, Ruth Cundíns e coa verbena a cargo da orquestra Gran Parada.

Ata o escenario habilitado no parque municipal do Carballiño tamén se achegará o alcalde do Carballiño, Francisco J. Fumega; o artista Manuel DeAndrade, presentador do ‘Pensando en ti’ nas fins de semana deste verán, a actriz Isabel Blanco, que se dirixirá aos oíntes emigrados, e a xefa de Programas da Radio Galega, Tania F. Lombao.

A xuntanza contará, amais, cunha pantalla xigante, desde a que o público presente recibirá os saúdos e felicitacións de profesionais dos medios públicos galegos, tan populares como Roberto Vilar, Arturo Fernández, Xosé Manuel Piñeiro, Xosé Ramón Gayoso, Octavio Villazala e Kiko Novoa, entre outros.

25 anos liderando cada madrugada e dándolles voz aos oíntes

‘Pensando en ti’ é un dos programas máis antigos da Radio Galega e un dos preferidos pola audiencia, líder da súa faixa na madrugada. Dirixido e presentado por Marcial Mouzo, fixo o pasado setembro 25 anos en antena. Os oíntes son os seus protagonistas absolutos, participando en directo e a través do teléfono, nun ton distendido, experiencias persoais e opinións sobre todo tipo de temas. É tal o éxito do espazo radiofónico que os seus oíntes levan 16 anos celebrando esta xuntanza festiva para poñerlle a guinda a cada temporada.

O espazo das madrugadas da Radio Galega foi tamén, en 2019, o primeiro programa de entretemento da emisora pública en emitirse cada día, en directo e de xeito íntegro, por todos os soportes dos medios públicos galegos. Ademais de escoitarse a través da RG, o ‘Pensando en ti’ transmítese tamén polo servizo da páxina web Mira Radio Galega e pola segunda canle da Televisión de Galicia, a G2.

A foto recolle un momento da última xuntanza cos oíntes celebrada polo programa ‘Pensando en ti’ en 2019.

Fuente Crtvg.es