Regresan as traiñeiras á CRTVG esta fin de semana, coa disputa da Bandeira de Boiro

0
12

Santiago, 23.6.2022.-  As competicións de traiñeiras regresan á CRTVG desde esta fin de semana, coa transmisión este domingo, en directo, da Bandeira Concello de Boiro, nas modalidades feminina (12.00 h) e masculina (12.30 h), proba incluída na Liga Galega de Traiñeiras.

Esta tempada, a G2 e a G24.gal/deportes ofrecerán un total de 8 regatas da división A da Liga Galega de Traiñeiras, en que compiten unha ducia de tripulacións: Samertolaméu-Oversea, Tirán-Pereira, Bueu-Teccarsa, Cabo da Cruz, Cesantes-Rodavigo, Mecos, Mera, Mugardos, Narón, Chapela-Wofco, Puebla e  Rianxo. Igual que en edicións pasadas, os medios públicos achegarán todas as regatas que se desenvolvan na Liga Eusko Label e Euskotrén da ACT, as máximas competicións do deporte do remo, que dará comezo en Bilbao na primeira fin de semana de xullo, o próximo día 2. Da ducia de embarcacións que participan na Eusko Label, dúas embarcacións son galegas: Cabo de Cruz e Ares; mentres que no ámbito feminino non haberá representación galega.

Os medios públicos galegos achegarán un novo partido, ás 18.25 horas, do Pescados Rubén Burela contra o Futsi Atlético Navalcarnero, a decisiva cita da final da Liga da Primeira División de fútbol sala feminino. As xogadoras laranxas do Burela, que deberán gañar o encontro se queren acadar o quinto título da súa historia, empataron este pasado mércores e queda todo por decidir no partido deste sábado en Madrid.

Amais, a G2 e a G24.gal/deportes ofrecerán o domingo, en directo, un novo gran premio do Mundial de Motocrós, que cambia de continente para disputar o MXGP de Indonesia (mangas ás 07.00 e 10.00 horas). Tras rematar, por primeira vez, dous galegos entre os catro mellores no pasado MXGP de Alemaña, Jorge Prado intentará volverse facer cun oco no podio. Despois do terceiro posto a semana pasada, o lucense leva oito podios en 11 carreiras no que vai de competición. Pola súa parte, o vigués Rubén Fernández atópase cada vez máis preto dos mellores pilotos do torneo, encabezado polo esloveno Tim Gajser.

Fuente Crtvg.es