Rexeitados os dous recursos presentados contra o Plan de Cobertura electoral da CRTVG

0
25

Santiago, 19.05.2023.- A Xunta Electoral Central deu traslado na mañá do venres do seu acordo  sobre o último recurso que quedaba por resolver ante o Plan de Cobertura Electoral da CRTVG para as eleccións do 28 de maio.

 A Xunta Electoral Central desestima o recurso presentado pola formación política Vox no que solicitaba a súa participación nos debates e nas entrevistas reflectidas no Plan de Cobertura.

 A resolución recoñece a Vox a condición de grupo político significativo -como xa estaba recollido no Plan-, pero non avala a súa participación nos debates e entrevistas ao non ter representación actualmente en ningún dos consistorios en liza.

 O acordo ditado no expediente 293/1403 resolve:

 “A Xunta Electoral ten reiteradamente declarado que limitar os debates ás forzas políticas que obtiveron representación nas últimas eleccións equivalentes non resulta contrario aos principios de pluralismo político, igualdade, neutralidade informativa ou proporcionalidade, tal e como esixe o artigo 66.1 da LOREG (…) Por iso, non cabe considerar contrario ao artigo 66 da LOREG limitar a organización dos debates e entrevistas en sete concellos galegos aos candidatos das formacións que tiveron representación nas últimas eleccións equivalentes, como fixo a CRTVG”.

 O pasado 8 de maio a Xunta Electoral Provincial desestimou tamén o recurso presentado contra o Plan de Cobertura da CRTVG, neste caso, por parte do BNG, que introducía cinco alegacións ao documento aprobado.

A Xunta Electoral Provincial desestimou todas as alegacións e resolveu no acordo ditado no expediente 426/2023:

 “A potestade organizativa dos medios de comunicación no exercicio da súa autonomía informativa, tal e como a doutrina antes citada determina, fai que non poidan someterse a revisión os seus criterios sobre o obxecto do debate convocado, salvo discriminación ou arbitrariedade que no caso non concorren.”

 Non existindo máis recursos presentados ante os organismos competentes por parte de ningunha outra formación política, o Plan de Cobertura Electoral da CRTVG queda referendado na súa totalidade

Fuente Crtvg.es