Ricky Merino, A Banda da Loba, Lucía Pérez e A Roda porán a música no último ‘Luar’ da temporada

0
8

Santiago, 30.07.2021.-   O programa ‘Luar’ remata hoxe temporada e marcha de vacacións ata o mes de setembro. Na edición desta noite, lembraranse os mellores momentos deste ano tan complicado para todos por mor da pandemia da covid-19. Para isto, o espazo da TVG contará coa presenza de tres convidados moi especiais que acompañaron os espectadores durante a temporada máis atípica dos case 30 anos de historia de ‘Luar’: o epidemiólogo Juan Gestal, que semana a semana axudou a entender mellor a pandemia e deu consellos sobre como afrontala; Anxo González, un mestre que sabe moito da lingua galega, e o mariñeiro e divulgador Rogelio Santos, todo un descubrimento e un fenómeno viral en redes, que amosou o seu amor polo mar e polo seu traballo.

Tamén serán protagonistas esta noite os grandes momentos dos dous concursos insignia do ‘Luar’: o clásico ‘Recantos’ e ‘O mellor DÉCADA casa’, un concurso cargado de solidariedade, talento e sorpresas, co que os espectadores descubriron esta temporada novas facetas dos famosos galegos. Esta noite eles tamén estarán no programa con novas sorpresas.

No capítulo de actuacións musicais, o programa recibirá o mallorquino Ricky Merino, que, aínda que foi popular para a audiencia polo seu paso polo concurso televisivo OT, posúe tamén unha destacada traxectoria no mundo do espectáculo, que actualmente segue explorando con novos traballos musicais.

O espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso, Patricia F. Santana  e Rocío Rodríguez tamén ofrecerá a actuación de A Banda da Loba, grupo formado por cinco mulleres que presentan o seu segundo disco tras o boom de ‘Bailando as rúas’. ‘Fábrica de luz’ é unha aposta musical ecléctica en que teñen cabida o folk, o pop, o rock e os ritmos latinos. Todo isto para construír un traballo de creación, reflexión e homenaxe arredor da idea de nai entendida en sentido amplo.

Tamén está convidada a este ‘Luar’ a cantante galega Lucía Pérez, que actuará en solitario e co mítico grupo A Roda, ao que se uniu para sacar ao mercado o traballo conxunto ‘Camiño da igualdade’, un disco que nace coa vocación de ser banda sonora do Xacobeo 2021 e do que esta noite presentarán varias cancións.

Outro dos convidados do programa será Fran Lorens, unha das novas promesas da música galega. Este vigués de 22 anos acaba de estrear o seu primeiro traballo en solitario, pero xa ten moita experiencia no mundo da música, pois é un dos integrantes do grupo tradicional Abeleiras.

Como é habitual, a música tradicional, coas actuacións hoxe da agrupación Faragullas de Teixeiro e da AC Soalleira de Dorrón, tamén terá o seu oco no programa, que, ademais, recibirá no escenario a orquestra Acordes.

Fuente Crtvg.es