Rosa López e Fredi Leis estrean música nun ‘Luar’, que celebra o certame de ‘Miss Vaca’ e elixe o primeiro finalista de ‘Recantos’

0
32

Santiago, 1.7.2022.-   ‘Luar’ (22.05 h) celebra esta noite unha das edicións máis agardadas da tempada: o certame de ‘Miss Vaca 2022’, o título máis cobizado entre as vacas rubias galegas. Na súa décimo cuarta edición, a gañadora sairá escollida entre 4 candidatas: Linda, procedente da Coruña; Cachorra, de Lugo; Lucera, de Ourense, e Rubia, de Pontevedra. O xurado, formado polo antropólogo Manuel Mandianes, a gandeira Ana Corredoira e a responsable de márketing de CLUN Cooperativas Lácteas Unidas, Jessica Rey, coroarán o exemplar gañador.

Este será un venres cheo de emoción, xa que tamén se coñecerá a primeira finalista do concurso de talentos ‘Recantos’. Marta Pacín, da Terra Chá, e Jennifer Cambón, en representación das Terras de Ordes, protagonizarán esta primeira semifinal.

E como non podía ser doutro xeito, nesta noite tan especial, ‘Luar’ contará cun destacado elenco de artistas convidados, entre os que sobresae a granadina e eurovisiva Rosa López, que acaba de lanzar o sinxelo ‘Esa belleza’, un canto ao amor propio, cunha mensaxe moi potente a ritmo de bachata, co que dá un xiro na súa traxectoria musical.

Tamén o compositor compostelán Fredi Leis presentará algúns dos temas do seu novo traballo discográfico ‘Temas privados’, o seu segundo álbum de estudio, en que o músico lle canta ao amor co seu inconfundible estilo persoal, con cancións que van desde o pop máis puro, pasando por baladas emocionantes ata sons máis experimentais e refrescantes.

Nesta semana en que se conmemora o Orgullo LGTBI, Davide Salvado, o músico e cantante marinense de música tradicional galega, asistirá a ‘Luar’ para ofrecer a súa nova composición ‘Fado para Samuel’, unha peza composta en memoria de Samuel Luiz, en denuncia polo seu asasinato do que se cumpre un ano este domingo. Hoxe, tamén se poderá descubrir a proposta do galego Mondra, titulada ‘Aghrúuu’, como expresión poética do desexo e a liberdade sexuais.

Por outra parte, Camille Hédouin, Mónica de Nut, Eva e Xandre Outeiro achegarán ‘Ai-lalelo’, proposta musical que narra a historia dunha costureira, coa que Galicia participará no Al Song Contest, o Eurovisión das cancións escritas por intelixencia artificial que se celebra o 6 de xullo en Liége (Bélxica). É a primeira ocasión en que unha canción galega asiste a este concurso.

Completan as actuacións musicais deste primeiro programa de xullo: La Quinkillada, banda galega, xunto con Rotce e Adri Coyote, artífice de ‘Corazón de toxo’, a gañadora do concurso musical da CRTVG ‘A canción do verán 2022’; a orquestra Triunfo, de Pontevedra, e a asociación cultural Sadeo, de Ponteareas.
    
Os personaxes de Paco Liña e Lauren e Sabela achegarán os números de humor da velada, mentres que o bote do concurso telefónico parte hoxe con 16.000 euros.

Na foto, a vaca lucense gañadora da edición de Miss Vaca de 2021.

Fuente Crtvg.es