Rosa Quintana, conselleira do Mar, di que unha moratoria de Bruxelas evitaría danos irreversibles na frota

0
23

Santiago, 03.10.2022.-     A conselleira do Mar, Rosa Quintana, foi entrevistada no informativo ‘Bos Días’ da TVG este luns 3 de outubro, día no que comeza a conta atrás para que entre en vigor o regulamento da Comisión Europea que prohibe a pesca de fondo en 87 zonas do océano Atlántico.

Respecto disto, unha medida con forte impacto no sector pesqueiro, pero tamén no total de economía de Galicia e contra a que a Xunta de Galicia insta a pedir unha moratoria de dous meses, a conselleira pide a paralización do “regulamento de execución”, xa que a Comisión Europea publicou a súa entrada en vigor “a menos dun mes do novo informe”, e que a UE dea unha moratoria, “que dea tempo a revisar ese último informe e que non impacte directamente nunha frota que está precisamente agardando os meses de Nadal para poder obter os mellores prezos posibles do seu traballo”, sinalou.

Rosa Quintana explica que a Comisión Europea adopta esta medida a consecuencia do regulamento de 2016, polo que “supoño eu que pouco significaría esperar agora dous meses; prexudicaría os fondos, como así o temos acreditado, pero axudaría a recuperar o valor dos produtos”.

O Goberno español xa manifestou que non contempla pedir este aprazamento, que esta moratoria non é factible, aínda que o ministro Planas dixo esta fin de semana “estar aberto” a todas as posibilidades. “Todas as comunidades autónomas afectadas estamos apoiando o ministro Planas para que faga presión en Bruxelas. Nestes momentos sabemos que hai comunicación intensa entre o Ministerio e a Comisión para conseguir moratoria, suspensión, algo que permita que o día 9 de outubro non teñan que permanecer amarradas as frotas. Porque é lóxico pensar que, se pechan 87 zonas, os barcos que pescan nesas zonas se van ter que desprazar cara a outras zonas onde xa hai unha frota que está traballando”, explica Rosa Quintana, o que pode levar “a conflitos” entre frotas de distintos pavillóns, pero tamén entre frotas do mesmo pavillón, xa que “unhas artes poderían entorpecer as outras”.

A conselleira do Mar avanzou na entrevista que este xoves irá a unha reunión da Conferencia de Rexións Marítimas Periféricas (CRPM), en que participan as rexións pesqueiras do Arco Atlántico e “alí tamén exporei os problemas que estamos detectando, nas derivas que está adoptando a Comisión Europea, que cada vez máis se deixa levar por aspectos medio ambientais e non ten en conta os aspectos sociais e económicos”. Quintana sinalou que a Xunta de Galicia comezou a traballar xa este tema en setembro de 2021, “cando vimos as derivas do pacto verde europeo”, pero “o ministerio avisounos por primeira vez no mes de marzo do 2022”, lamentou.

Fuente Crtvg.es