Rosario, Puro Relajo e a agrupación O Fiadeiro converten esta noite ‘Luar’ nunha festa

0
8

Santiago, 14.05.2021.-  Nova noite musical e de entretemento na compaña de ‘Luar’ (21.55 h) na Televisión de Galicia. Encabeza o elenco de artistas, Rosario, que regresa ao programa cun novo traballo discográfico na rúa, ‘Te lo digo todo y no te digo na’, un álbum fresco e con moita enerxía, produto dunha artista máis madura e renovada. A audiencia da Galega poderá gozar da presentación deste disco da saga Flores, que trae rumbas, baladas, blues, pop, reggae, flamenco e destacadas colaboracións especiais.

Tamén trae hoxe os mellores sons mexicanos á Galega o grupo Puro Relajo. A banda de Aibar, con 5 discos no mercado, está formada por cinco músicos amantes das rancheiras, que recuperan as cancións tradicionais dos mariachis e se atreven a versionar temas euskaldúns ao ritmo das trompetas.

E procedentes de Vigo, hoxe contarase coas actuacións da agrupación folclórica O Fiadeiro, formación etnográfica dedicada a recuperar sons e baile tradicional, que está percorrendo as localidades galegas para celebrar os seus 25 anos de traxectoria musical.

No certame ‘O mellor DECADA casa’ veranse as actuacións únicas de Luis Iglesia, que encarna a década dos 70, e de Fernando Romay, dos 90, interpretando dous referentes deses anos: ‘Cantares’ e ‘Vive a vida tola’, respectivamente. O bote do concurso telefónico segue crecendo e parte hoxe con 8.000 euros.

Paco e Pepe e o dúo formado por Pedro Brandariz e Fran Rei achegarán unha boa dose do seu mellor humor. Por outra parte, Xosé Ramón Gayoso, Patricia F. Santana e Rocío Rodríguez darán paso a unha nova edición do certame de talentos ‘Recantos’, en que competirán Yago Martínez, en representación de Terras de Pontevedra, e Chiña, de Noia-A Barbanza.

Fuente Crtvg.es