Ruth Lorenzo, Sofía Cristo, Heredeiros da Crus e Rodrigo Cuevas traen as súas novas propostas este venres a ‘Luar’

0
21

Santiago, 19.02.2021.-  Nova noite de música e diversión na TVG na compaña de ‘Luar’ (21.55 h.), cuxo elenco de artistas ofrecerá desde os sons máis tradicionais ata o techno máis actual, pasando por novas propostas de pop e rock galego. A primeira artista que presentará os seus novos temas é a que fora representante de España en Eurovisión, a cantante e compositora Ruth Lorenzo, quen acaba de lanzar ‘Crisálida’, o segundo sinxelo do que será o seu novo álbum, un disco prometedor, o máis persoal e íntimo.

Sofic & Ku Minerva, nomes artísticos de Sofía Cristo e Minerva, interpretarán a súa nova versión techno de ‘Estoy llorando por ti’. A colaboración da DJ Sofic coa cantante dance barcelonesa volverá traer ás pistas de baile este éxito dos anos noventa.

Tamén achegarán as súas últimas propostas os Heredeiros da Crus. Os de Ribeira propoñen no seu décimo álbum ‘Derretidos’ un regreso ás orixes, unha aposta máis guitarreira e un rock cun maior protagonismo nas voces de Tonhito de Poi e Tuchiño.

Outro artista que non deixará indiferente a ningún espectador é o músico asturiano Rodrigo Cuevas, quen con arte e cunha posta en escena atractiva renova os sons folks para levalos ao cumio. Hoxe interpretará ‘Xiringüelu’ e, en colaboración co compostelán Ortiga, presentarán ‘La magia de tu melena’, un pasodobre urbano.

Tamén o mítico Juan Erasmo Mochi, creador do coñecido éxito ‘Mami Panchita’, presentará a súa canción ‘Botafumeiro’, composta por el para convertela no himno do Ano Santo e contribuír á difusión do Camiño de Santiago. E as actuacións musicais deste venres completaranse coas intervencións da orquestra La Ocaband e da asociación cultural Retranqueiros.

Xosé Ramón Gayoso, Patricia F. Santana e Rocío Rodríguez darán paso, amais, a unha nova edición do certame de novos talentos ‘Recantos’, en que competirán Emma López, en representación do Ourense oriental, e Lidia Sueiro, de Terras de Ordes. Unha edición máis, Gayoso intentará que algún espectador sexa quen de facerse cos 2.000 euros do concurso telefónico. Completa o elenco de convidados o humor dos cómicos Paco e Pepe.

Fuente Crtvg.es