Ruth Lorenzo, unha das artistas máis potentes do panorama musical, convidada nun ‘Bamboleo’ que contará tamén coa presenza da orquestra París de Noia

0
14

Santiago, 15.05.2021.-    Unha nova edición de ‘Bamboleo’ (22.05 h) chega este sábado á grella da Televisión de Galicia. O programa que presenta Xosé Manuel Piñeiro contará con actuacións estelares como a da orquestra París de Noia, o grupo galego Mekanika Rolling Band e dunha das artistas máis potentes do panorama musical: Ruth Lorenzo.

A artista murciana, que arrasou nun concurso musical estranxeiro e representou a España no Festival de Eurovisión, ten un novo traballo: ‘Crisálida’, en que recolle unha época de cambio e de metamorfose. Ruth interpretará no escenario do ‘Bamboleo’ varios temas como adianto deste novo traballo e tamén grandes éxitos do seu anterior disco, como ‘Good girls don´t lie’. Ademais, os colaboradores do programa porán a proba a Ruth Lorenzo: Tamara Pérez, no ‘Sobes ou baixas’, e Claudio Pan, nun divertido xogo musical co público do estudio de gravación.

Estará tamén en ‘Bamboleo’ Mekánica Rolling Band, banda que acaba de publicar o seu primeiro disco, ‘A rúa é nosa’, en que mesturan estilos coma o ska, o reggae ou o punkrock con toques balcánicos e tradicionais. Esta noite interpretarán ‘Romaría de defuntos’, un tema moi marchoso que alude á situación dos músicos na pandemia.

Ademais, a música da orquestra París de Noia encherá o estudio con temas que forman parte do seu novo disco, ‘Party’, e Isi volverá un sábado máis para contar outra das súas historias.

No ‘Agora ou Nunca’ cantarán Vicky Iglesias, que interpretará ‘When we were young’, de Adele, e Luís Moreta, que fará seu o tema ‘La morena de mi copla’, de Manolo Escobar. Na ‘Jrileira’, Ivi representará o Club Atletismo Serres Runners, de Muros, mentres que Rafa xogará polo Club de Fútbol Vista Alegre, de Santiago. No karaoke tocaralles cantar  ‘Campanera’, de Joselito, e a continuación acertar cantantes.

No ‘Dirtidansi’, os protagonistas serán Borja e Estefanía, unha parella de bailaríns de Biscaia que ofrecerán unha exhibición de bachata e de jive. Finalmente, na ‘ITV do Amor’ Alexa e a súa parella terán que enganar o participante do público para facerse co premio.

Fuente Crtvg.es