SD Compostela – Ourense CF, o sábado no ‘Galicia en Goles’ da Radio Galega

0
7

Santiago, 24.07.2020.-     O sábado, desde as 15.00 h, o programa da Radio Galega ‘Galicia en Goles’ despide a temporada narrando o partido entre a SD Compostela e o Ourense CF, por unha praza na Segunda División B da próxima temporada. O empate válelle ao equipo santiagués, mentres o cadro das Burgas necesita a vitoria para competir na categoría de bronce. Andrés Vieites, na narración, e o adestrador Alberto Mariano, na análise, trasladaranlle á audiencia a emoción dos 90minutos de xogo desde o estadio municipal de Balaídos.

O día do Apóstolo presenta ademais a final polo ascenso á Primeira División de fútbol sala feminino no pavillón da Sagrada Familia, na Coruña. O anfitrión, o Amarelle, enfróntase ao Valdetires Ferrol, que na semifinal eliminou o Fisgón.

A competición de motor tamén será protagonista esta fin de semana na RG, coa disputa do Rally de Ourense, a primeira gran proba do calendario galego tras o confinamento.

Xa o domingo, ‘Galicia en Goles’ principiará ás 14.15 h coa edición informativa, e a partir das 15.00 h o programa emitirá a última entrega da temporada máis longa da historia, xa que comezou o 17 de agosto de 2019. Durante a tarde, o programa retransmitirá desde Vigo as finais do Campionato Galego de tenis e a partir das 20.30 h xuntará a xornalistas, adestradores e árbitros para debateren no faladoiro.

Todas as emisións de ‘Galicia en Goles’ chegan a audiencia a través da FM, TDT, radiogalega.gal, Radioplayer España e os altofalantes Alexa.

Fuente Crtvg.es