Semana de fútbol e baloncesto na programación da Radio Galega

0
8

Santiago, 20.09.2021.- Esta semana trae unha completa axenda de retransmisións deportivas na programación da Radio Galega, con Paco Santos á fronte das emisións especiais.

O martes, desde as oito e media do serán, ‘Galicia en goles’ retransmite o partido da sexta xornada da Liga de Primeira División entre o Levante e o Celta de Vigo. Roberto Carlos Carballo narrará desde o Ciutat de Valencia un partido chave para o equipo galego, que tras cinco xornadas só sumou un empate e ocupa postos de descenso. Víctor López, José Valtierra e Moncho Carnero reforzarán cos seus comentarios técnicos a emisión do programa, que se prolongará ata as doce e media da noite para dar tempo á comparecencia na rolda de prensa do adestrador Chacho Coudet. Ademais da emisión na FM, TDT e na páxina web, os oíntes que vexan o partido pola televisión poden escoitar nas opcións de audio a Radio Galega.

O xoves e o venres, os afeccionados ao baloncesto teñen cadansúa cita cos partidos dos equipos galegos da Liga ACB a través da páxina web radiogalega.gal, as aplicacións para o móbil e a TDT. O xoves, ás nove e media da noite, Raúl Villares contará desde o Coliseum o Burgos-Breogán, nunha retransmisión que será conxunta coa FM a partir das 11 da noite dentro do espazo ‘Ao contraataque’. O venres, Alfonso Pardo encargarase de trasladar a emoción do Obradoiro-Joventut desde o Sar a partir das 7 da tarde, con emisión simultánea na FM desde as oito e media dentro do ‘Galicia en goles’.

Fuente Crtvg.es