Senllos premios para ‘Arima’ e ‘The Camino Voyage’, película e documental participados pola TVG

0
5

Santiago, 20.11.2019.-    O audiovisual galego segue a triunfar en festivais internacionais. Dúas novas producións participadas pola Televisión de Galicia, a película ‘Arima’ e o documental ‘The Camino Voyage’, acaban de recibir senllos premios que confirman o fértil momento que está a vivir o cinema do noso país.

‘Arima’, a ópera prima da cineasta donostiarra, residente en Galicia, Jaione Camborda, obtivo o Premio á Mellor Dirección na sección ‘Las Nuevas Olas’ da 16ª edición do Festival de Cine Europeo de Sevilla. A directora regresou así con éxito ao certame onde presentou o ano pasado a súa premiada curtametraxe ‘Rapa das Bestas’. O Xurado CampUS outorgoulle este recoñecemento pola “súa capacidade para transportarnos a lugares onde o misticismo lles dá a man aos máis básicos instintos humanos”.

Rodada en formato 16 mm como aposta persoal da directora, ‘Arima’, a historia de catro mulleres e unha nena cuxa vida se ve alterada pola chegada inesperada de dous forasteiros, é unha produción de Esnatu Zinema, que contou coa participación da TVG, Agadic e a Deputación de Lugo. As actrices Melania Cruz e a nena debutante Nagore Arias lideran o elenco deste filme, que se completa cos intérpretes Rosa Puga, Tito Asorey, Iria Parada e Mabel Rivera.

Por outro lado, o documental irlandés ‘The Camino Voyage’, que conta a experiencia real dun grupo de artistas irlandeses que chegou a Galicia a remo nunha embarcación prehistórica, sumou outro galardón á súa longa listaxe de premios, xa que foi recoñecida como Película do Ano 2019 nos Oireachtas Media Awards, concedidos pola Autoridade Audivosual de Irlanda.

Esta produción, en que participou a TVG, amosa como un equipo formado por un escritor, dous músicos, un artista e un canteiro viaxan nun barco tradicional que construíron para ir desde Irlanda ata o norte de España, un traxecto que se converte nunha odisea celta inspiradora e perigosa.

Fuente Crtvg.es