Sergio Dalma e Al Bano poñen música a un ‘Luar’ especial, con destacados humoristas e os saúdos agarimosos de artistas

0
45

Santiago, 27.03.2020.-   Luar (22.00 h) volve este venres á Televisión de Galicia, fiel á súa cita semanal coa audiencia galega, sen perder de vista o labor de servizo público deste medio de comunicación pero tamén co cometido de ofrecer entretemento, sempre en consonancia coas recomendacións das autoridades sanitarias. Sobre o escenario, Xosé R. Gayoso presentará esta edición especial en que os contidos do programa se adaptan ás restricións definidas para afrontar sen riscos a pandemia, na compaña de Patricia F. Santana, Beatriz Serén e Inma Morandeira.

Facendo uso das novas tecnoloxías, o musical da Galega contactará por videochamada con numerosas facianas populares que achegarán saúdos agarimosos á audiencia antes de daren paso a unha das súas actuacións musicais. Así acontecerá con Sergio Dalma, Nando Agüeros e co italiano Al Bano. Outros personaxes coñecidos, que tamén enviarán mensaxes desde o seu confinamento, serán os presentadores Nieves Rodríguez e Xosé M. Piñeiro, a cantante Verónica Codesal do grupo Ialma, o mago Luis de Matos, de quen se ofrecerá un número de ilusionismo, o experto en animais Octavio Villazala, o cantante e xurado musical de «Recantos» Manuel de Andrade e o recanteiro Alberte, entre outros.

Ofrecerase, amais, a música do Combo Dominicano e sons da terra, coas voces do Orfeón Mariñeiro do Berbés, coa agrupación Cantigas e Agarimos, coa Banda de Música de Ortigueira, con O Fiadeiro, coa orquestra Los Satélites e duetos do concurso de novos talentos da canción, «Recantos», entre outras propostas.

O humor, un dos ingredientes fundamentais de Luar, terá esta noite un gran peso no programa, coas intervencións de Celso Fernández Sanmartín, Paula Carballeira, Fran Rei, Isabel Risco e o dúo formado por Lola e Antón. O teléfono do programa (981 81 90 73) estará, un venres máis, aberto á participación dos espectadores.

Fuente Crtvg.es