Sergio Pazos e Luís Iglesia traen os sons dos anos 50 e 70 á final de ‘O mellor década casa’, esta noite, en ‘Luar’

0
7

Santiago, 02.07.2021.-  Chegou a velada máis emocionante para os concursantes e fans do certame ‘O mellor década casa’ de ‘Luar’ (22.00 h), coa celebración da gran final. Esta noite decidirase entre Sergio Pazos e Luís Iglesia quen dos dous artistas é merecedor de gañar esta primeira edición. O ourensán Sergio Pazos, defensor da música dos anos 50, interpretará para este importante duelo un ‘Medley de Xavier Cugat’ e, pola súa banda, Iglesia, en representación da década dos 70, achegará a súa versión da canción de jazz ‘Minnie the moocher’.

Tamén os seguidores de ‘Recantos’ asistirán este venres á primeira semifinal do certame, coa participación de Lidia Sueiro, de Terras de Ordes, e de Fernando Hernández, procedente de Terras da Coruña, que cantarán ‘Como unha onda’ e ‘Vivir así é morrer de amor’, respectivamente.

No apartado musical, hoxe gozarase da voz de Juan Valderrama, o fillo do mítico Juanito Valderrama, cuxos traballos abranguen desde música melódica, ao pop flamenco e mesmo aos boleros. O artista regresa ao escenario de ‘Luar’ con ‘Mujeres de carne y verso’, o seu último disco editado, en que homenaxea a Galicia nalgunhas das súas cancións.

Precisamente, en representación da música da nosa terra, Xosé Ramón Gayoso, Patricia F. Santana e Rocío Rodríguez contarán coas actuacións da cantante Sabela, a orquestra Principal, a agrupación folclórica Abertal e a formación Os do Fondo da Barra.

Tamén esta noite será especial nas intervencións humorísticas, xa que ademais de contar coas achegas de Paco e Pepe, volverán facer rir a cachón á audiencia Paco MiVida, Lito de Arzúa e Víctor Bascoy.  A cifra do bote do concurso telefónico chega hoxe aos 11.500 euros de premio.

Fuente Crtvg.es