Sesión continua de fútbol, o domingo pola tarde na Radio Galega, cos partidos Celta-Betis, Eivissa-Lugo e Deportivo-San Fernando

0
21

Santiago, 29.09.2022.-   As retransmisións deportivas continúan desde este venres na programación da Radio Galega. A partir das 20.30 h, Paco Santos presenta a primeira edición da fin de semana de ‘Galicia en Goles’, con atención especial ao baloncesto. Na Coruña dispútase o trofeo Teresa Herrera entre o Básquet Coruña e o Burgos, mentres en Ourense o equipo local preséntase ante a súa afección diante do Valladolid.

O sábado, a partir das 15.00 h, a atención estará posta no fútbol da RFEF. A Primeira presenta o Badaxoz-Rácing de Ferrol, no Vivero, e o Mérida-Pontevedra, no estadio Romano. Mentres, na Segunda, o Ourense C. F. visita o Oviedo Vetusta e na Terceira hai dúas citas: o Estradense-Fabril e o Bouzas-Barco.
    
A partir das 23.00 h, o programa abrirá unha ventá ao motor na sección ‘#GaliciaEnXogo’ co resumo do rally Rías Baixas e tamén atenderá a información sobre os deportistas galegos que preparan os Xogos Olímpicos de París 2024.

O domingo, a edición matinal principia ás 11.45 h e prolongarase ata as 14.30 h coa retransmisión da segunda xornada da Liga ACB de baloncesto. O Breogán de Lugo recibe no Pazo o Fuenlabrada, mentres o Obradoiro visita a pista do Real Madrid. O Linense-Celta B, xunto aos encontros da Segunda e Terceira RFEF, completan a primeira función.

A partir das 15.00 h, a sesión da tarde comezará en Balaídos co Celta-Betis, continuará en Riazor co Deportivo-San Fernando e rematará en Can Misses co Eivissa-Lugo. Sesión continua de fútbol ata as 23.00 h, hora en que pasarán consulta, ata as 01.00 h, os especialistas de ‘Ao Contraataque’ no último treito.

A emisión do ‘Galicia en Goles’ chega á audiencia a través da FM, TDT, radiogalega.gal e tamén se pode ver na canle de Youtube da Radio Galega e no Mira RG pola aplicación para o móbil e a páxina web. Ademais, a retransmisión do Celta-Betis poderase seguir nas canles de audios do operador televisivo, Movistar.

Ademais das retransmisións, a Radio Galega reserva os sábados ás 13.00 h unha hora de emisión deportiva dentro do proxecto ‘#GaliciaEnXogo’. O premiado ‘Convivir Deportivo’ visita esta semana Portomarín para presentar a iniciativa do equipo de fútbol da vila.

Fuente Crtvg.es