Sete historias de amor no ciclo semanal ‘Carteleira G’, en aberto na web crtvg.gal

0
5

Santiago, 02.04.2020.-    ‘Carteleira G’, o proxecto da CRTVG que propón cada semana un ciclo de cine en galego, ofrece desde hoxe xoves, en aberto na web crtvg.gal, sete historias diferentes de amor. Trátase dun pack de filmes que abordan, desde a mirada de seis directores de cine galegos, outras tantas, e moi diferentes, historias de amor. Cada semana, a proposta irá mudando, sempre cun fío conductor para todas as películas, ben o xénero ou o director. A semana pasada, o ciclo estivo composto por películas coa temática do narcotráfico.

A primeira película da proposta que se ofrece desde hoxe e ata o vindeiro xoves é ‘Inevitable’, (Jorge Algora, 2013), que conta a historia de dous amores, tráxicos, que responden ao título do filme. Son dous amores separados por décadas- un deles, tamén, por un océano-, que non se puideron acalar e que son o destino mesmo. Trátase dunha coprodución entre Galicia e Arxentina, interpretada por Darío Grandinetti, Federico Luppi e Mabel Rivera.

Outra das propostas é ‘O sexo dos anxos’ (Xavier Villaverde, 2011), que dá conta dos tenros e fogosos amores de mocidade, entre dous rapaces e unha rapaza, vividos sen importar as distincións de xénero.  A película fala da entrega incondicional, con todos os riscos emocionais que ese tipo de relación conleva. O triángulo amoroso está interpretado por Álvaro Cervantes, Llorenç González e Astrid Bergés-Frisbey, que foi a serea de ‘Piratas do Caribe en mareas misteriosas’ ou a maga de ‘Rei Arturo, a lenda de Excalibur’. Ademais, ‘O  sexo dos anos’ é un dos filmes europeos máis descargados en Xapón.

Tamén se suman a esta listaxe dúas películas de Xavier Bermúdez, autor galego que traballa habitualmente nas lindes do surrealismo, sempre ao límite das convencións sociais, cos materiais do amor tolo- o amour fou do surrealismo francés-. En ‘Nena’ contou a historia do namoramento platónico entre un escritor e unha ninfa de trece anos -foi o primeiro papel de Nerea Barros-, baseándose nun relato corto de Turgeniev, precedente do ‘Lolita’ de Nabokov.

Mentres, en ‘O ouro do tempo’ -unha das películas de ficción máis premiadas do cinema galego-, Bermúdez incide no amor eterno dun vello médico, o finado Ernesto Chao, que ten crioxenizada a súa esposa, confiando que se atope algún día a cura á enfermidade que a afectaba, pero o vello vai namorar, tamén platonicamente, da rapaza que o coida, que é, outra vez, Nerea Barros.  

Este ano fanse 20 da estrea dunha das películas máis singulares do cinema galego. Baseada nunha novela do Nobel Yasunari Kawabata, ‘Belas dormentes’ (Eloy Lozano, 2000) conta a historia dun vello que, sentindo a proximidade da morte, visita unha casa misteriosa, onde lle permiten durmir -só durmir- xunto a mozas narcotizadas. O filme é un fermoso poema sobre a vellez e a vida.

Pola súa parte, ‘A noite que deixou de chover’ (Alfonso Zarauza, 2008) é unha comedia agridoce que vira ao redor dun mozo, interpretado por Luís Tosar, ben entrado na trintena, que cansado da vida bohemia, quere marchar de Compostela. Pero os seus amigos téndenlle unha trampa para que quede, cruzando no seu camiño unha prostituta que o namora.  Esa noite terá un final inesperado.

O último dos filmes de ‘Carteleira G’ desta semana é ‘Sicixia’ (Ignacio Vilar, 2016), un drama amoroso en que Monti Castiñeiras interpreta un experto en son que anda gravando todo tipo de rexistros pola Costa da Morte. Mentres traballa, vaise namorar dunha moza máis nova –Marta Lado-, e os amantes, en comuñón coa natureza, terán que enfrontarse á incomprensión e á intolerancia dos veciños. Foi a primeira vez que un equipo de cinema subía á cima do Monte Pindo para filmar unha ficción.

O obxectivo desta nova proposta da Corporación é que a audiencia poida vivir a experiencia de ir ao cinema desde o salón das súas casas, gozando de produtos do cinema galego, con títulos que apoiou ou en que participou a TVG.

Ademais deste proxecto sobre cine, a CRTVG xa puxo en marcha ‘Corentena en galego’, que propón cada día unha serie en galego das que a TVG ten a disposición do público no seu catálogo de series enserie.gal. Para estar ao tanto da publicación dos contidos da ‘Carteleira G’ e das novidades da ‘Corentena en galego’, a CRTVG anima os espectadores a seguir ‘Televisión de Galicia’ en Facebook, e @tvgalicia en Twitter e Instagram.

Fuente Crtvg.es