Sevilla-Celta, Xirona-Lugo e Dux-Dépor protagonizan o fútbol no ‘Galicia en goles’

0
5

Santiago, 20.01.2022.– O ‘Galicia en goles’ da fin de semana comeza na noite do venres coa análise de todos os partidos destacados que retransmitirá o equipo de Deportes da Radio Galega desde a tarde do sábado ata a noite do domingo. Paco Santos conduce o programa ata as 12 da noite, ofrecendo as últimas conferencias de prensa dos adestradores e entrevistando xogadores que van participar na xornada.

O sábado, desde as 3, o protagonismo será para o Sevilla-Celta, desde o estadio Sánchez Pizjuán. Tras derrotar a Osasuna o mércores pasado, o equipo vigués visita o segundo clasificado, que acaba de empatar en Valencia. Ademais, haberá conexións co fútbol da Primeira RFEF, Sanse-Celta B, e Segunda RFEF, co derbi Bergantiños-Arousa. Ás 11 da noite, a información do motor chegará ao ‘Galicia en goles’ na sección ‘Gas a fondo’, mentres ás once e media Toni López informará da actualidade olímpica dentro do espazo ‘Galicia en París’.

Xa o domingo, desde as doce menos cuarto, a edición matinal contará o Dux Internacional de Madrid-Deportivo da Coruña, desde Villaviciosa de Odón. A partir das 3, o Xirona-Lugo, da Segunda División Profesional, e o Rácing de Ferrol-UD Logroñés, da Primeira RFEF, centrarán a sesión de tarde, xunto ao derbi da Segunda RFEF entre o Compostela e o Pontevedra e a xornada da Terceira RFEF. A partir das 8 da noite, o baloncesto tomará o mando co derbi da ACB entre o Obradoiro e o Breogán. No Sar, o equipo de Lugo pode certificar a clasificación para a Copa do Rei, mentres os locais necesitan a vitoria para escapar da zona perigosa da clasificación.

A LEB ouro tamén terá oco no programa, xa que o Basquet Coruña volve á competición fronte ao Almansa. A partir das 11 da noite, o ‘Galicia en goles’ dedicará a última hora de emisión á mesa de debate en que participan os especialistas de ‘Ao contraataque’, para opinar do sucedido cos nosos equipos.

Ademais do ‘Galicia en goles’, a Radio Galega ofrece na fin de semana o programa ‘Convivir deportivo’. O sábado, á 1 do mediodía, Alfonso Pardo instala o estudio móbil no palacio de Riazor para falar de deporte feminino.

Fuente Crtvg.es