Silvia sorprende en ’48 horas para o si’ o seu mozo, Jorge, cunha petición de man e a organización dunha voda ‘exprés’

0
32

Santiago, 23.11.2021.-   Despois da estrea de éxito de ‘48 horas para o si’ na TVG, en que este novo espazo arredor dunha petición de man e unha voda por sorpresa acadou un seguimento do 16 % de cota media de pantalla, este emocionante formato de entretemento volve esta noite cunha nova proposición amorosa, a de Silvia a Jorge, unha parella que, desde que se coñeceu na festa da Barca de Muxía, leva unida 8 anos e comparte vida en Santa Comba.

A actriz e presentadora do espazo, Iolanda Muíños, dará a coñecer hoxe a Silvia, unha muller de 31 anos, de Vimianzo, apaixonada da meditación, do benestar e romántica, sobre as súas motivacións para dar este importante paso. A ‘culpable’ ou ‘verdugo’ desta entrega quererá darlle unha gran sorpresa ao seu mozo, pero xogará o todo polo todo dando un paso tan importante na relación para acadar o ‘si, quero’. Pola súa parte, a ‘vítima’, Jorge, de 34 anos, é un obsesionado pola moda e a decoración, que acode ao programa totalmente enganado, pensando que vai participar nun espazo de televisión para coñecer mellor a súa parella.

O ‘cómplice’, con quen Silvia vivirá os dous días na autocaravana para levar a cabo todos os preparativos da voda, será o seu sogro Evaristo. E durante este proceso, a audiencia coñecerá tamén as familias de ambos e gozará dos momentos previos ao posible compromiso.

Conseguirá Silvia o ansiado ‘si, quero’ ou non? En caso contrario sería un auténtico pau… Todo este cóctel explosivo de emocións e risas agarda a parella protagonista e a audiencia da TVG, esta noite, a partir das 23.05 horas.

Fuente Crtvg.es