Son Trío será o protagonista do novo concerto de ‘Galicia Emerxe’ que a G2 ofrece este mércores

0
28

Santiago, 24.03.2021.-    Son Trío é o novo grupo que sobe esta noite ao escenario do ciclo ‘Galicia Emerxe‘ e que ofrece a G2 a partir das 23.25 horas. As tres músicas, Katerina Linke, Su Garrido Pombo e Susanna Blanco, ofrecerán algúns dos temas do seu proxecto ‘Miña almiña‘, con música orixinal e letra de Rosalía de Castro, así como versións propias de cancións populares galegas e doutros poetas de Galicia.

A música do trío, que se define como unha rusa e dúas galegas namoradas da súa terra, caracterízase pola súa elegancia e contemporaneidade, cun estilo propio cheo de matices e suxestións. Os seus estudos e influencias pasaron por música clásica, jazz, folk, cantautor ou bossa e contan ademais con varios premios ao longo da súa carreira.
 
Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola segunda canle da Galega e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h), ademais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h). Ademais, os espectadores poderán ver todos os concertos xa emitidos na páxina da CRTVG.

No ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, gravados no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, contarase nas vindeiras semanas coa música de Luar na Lubre, Wöyza, Budiño, Rodrigo Romaní, Novedades Carminha, Triángulo de Amor Bizarro, Susana Seivane, Uxía, Eladio y los Seres Queridos e De Vacas, entre outros.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’ no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.

Fuente Crtvg.es