Televisión de Galicia consegue un premio europeo co seu documental inclusivo ‘Máis ca vida’

0
2

Santiago, 08.10.2020.-  Unha produción da Televisión de Galicia acaba de ser recoñecida cun novo premio europeo. O documental ‘Máis ca vida’, dirixido polo galego Rubén Riós, foi destacado coa mención especial dos premios europeos Prix CIRCOM na categoría ‘Minorías en sociedade’, segundo anunciou hoxe CIRCOM Regional, a Asociación Europea de Televisións Públicas Rexionais.  

O documental ‘Máis ca vida’ forma parte dun proxecto audiovisual que busca romper barreiras e estereotipos. Cunha duración de case 50 minutos, este traballo xorde da gravación dunha curtametraxe rodada en Ourense, que conta cun grupo de persoas con discapacidade intelectual como protagonistas e coa colaboración dun elenco de actores tan coñecidos como Javier Gutiérrez, Cristina Castaño, Mariana Carballal, Estíbaliz Veiga, María Mera e Luís Iglesia. Este documental, producido por Claqueta Coqueta e participado pola TVG, foi estreado na canle pública galega o pasado mes de marzo.

O xurado dos Prix CIRCOM, en que participa unha trintena de países, destacou de ‘Máis ca vida’, que se trata “dunha experiencia cativadora, unha idea orixinal e interesante; emocionante e tecnicamente moi boa”.

‘Máis ca vida’ construíuse con testemuños reais do día a día que rodea as persoas con algún tipo de discapacidade e plasma en imaxes os momentos de ensaio aos que tiveron que enfrontarse de cara á rodaxe, cos seus medos, ledicias, interrogantes, dificultades, fatigas e sentimentos. Desta obra nace o método ‘Máis ca vida’, creado por Riós, que utiliza o audiovisual como ferramenta de inclusión con persoas en vulnerabilidade ou risco de exclusión social, e ademais de empoderalos na súa vida diaria os forma nos distintos perfís profesionais do sector.

Quinto recoñecemento nestes premios europeos

Os premios Prix CIRCOM foron creados hai 30 anos para galardoar os mellores programas de televisión producidos e emitidos por canles rexionais públicas. Debido á pandemia, a celebración da gala anual suspendeuse e hoxe fíxose pública a lista completa de gañadores e mencións especiais (http://www.circom-regional.eu/prix-2020). Nesta edición, o Prix Circom presenta preto de 200 candidatas, repartidas entre 11 categorías.

Amais do recoñecemento de ‘Máis ca vida’, en anos anteriores a CRTVG obtivo xa dous galardóns Prix Circom: un deles pola serie ‘Matalobos’ como Mellor Ficción de Televisión e o premio ao Novo Talento en Pantalla obtido en 2019 pola xornalista Alba Mancebo. O programa ‘No bico un cantar’ e unha reportaxe de ‘Deporte extra’ foron tamén distinguidos con respectivas mencións especiais en pasadas edicións do Prix CIRCOM.

Fuente Crtvg.es