Televisión de Galicia e a RTP emiten este sábado, simultaneamente, o especial ‘Aquí Portugal’ desde Sanxenxo

0
20

Santiago, 01.7.2022.-  Nova edición especial do formato ‘Aquí Portugal’, este sábado na Galega, cun espazo conxunto da Televisión de Galicia e a Radio Televisão Portuguesa (RTP) para seguir estreitando lazos entre as dúas culturas. Ambas canles volven compartir experiencias, idioma e historias común neste especial de case seis horas en directo que será presentado desde Sanxenxo por Esther Estévez, Noelia Rey e Arturo Fernández, da TVG, e os portugueses Hélder Reis, Joana Teles e Isabel Angelino. Como televisión anfitrioa, a TVG fai unha gran despregadura de medios técnicos e de profesionais nunha emisión dobre, cunha edición de mañá (11.50 a 14.00 h.) e outra de tarde (de 15.40 a 20.00 h.) desde o porto da vila pontevedresa.
    
Nesta edición galega, logo da emitida o 18 de xuño desde Porto, a TVG agasallará os amigos portugueses coas cousas máis típicas de Galicia, e os reporteiros achegarán moitos dos nexos de unión entre ambos pobos. Así, daranse a coñecer lendas galegas, como as existentes arredor da praia da Lanzada, e amosarase como gozar dunhas vacacións de luxo en Sanxenxo. O espazo practicará paddle surf na praia de Silgar, coñecerá a vista de paxaro as Illas Atlánticas, e visitará o furancho do Alto da Aldea de Tomiño, a discoteca Dux, un dos locais de máis sona na vila pontevedresa, amais de ir de sesión vermú polos locais hostaleiros da zona, entre outras propostas. Desde o Náutico de Sanxenxo e con múltiples conexións en directo, polo programa pasarán convidados como a artesá Charo López; Pedro Campos, presidente do Real Club Náutico de Sanxenxo, a peixeira de Portonovo Piliña, os chefs galegos Sabino e Álex Iglesias, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín. E tamén participarán Rodrigo Paganelli e Esther Estévez, presentadores do ‘#DígochoEu-Apuntamento lusófono’. Haberá tamén música, coas actuacións de Lucía Pérez, A Roda, Festicultores, Astarot, orquestra Cinema, Coro coda, Os Firrás, así como os portugueses Funçao Pública e Ze Amaro.

Estrea do documental ‘Galegos d’Ouro’  

Con motivo desta emisión especial, a TVG estreará o documental ‘Galegos d’Ouro’ (20.00 h), unha coprodución coa RTP e co apoio do CCDR-Norte, que evoca e homenaxea a historia de vida e traballo dos galegos na Rexión Demarcada do Douro, e tamén o seu esforzo e dedicación na estruturación do territorio de viñedos de montaña e a paisaxe cultural. A paisaxe duriense foi moldeada pola man de obra galega desde o século XVIII. ‘Traballas coma un galego’ é unha expresión antiga que permanece ata hoxe. Sen estes traballadores, os grandes esforzos das encostas, das plantacións, da construción de socalcos, das cavas e das vendimas non existiría na paisaxe clasificada como Patrimonio Mundial da Humanidade. Moitas destas familias galegas quedarían no Douro e hoxe dan nome a marcas importantes do viño do Porto.

Formato televisivo que estreita lazos coa cultura lusa

‘Aquí Portugal’ realízase para unha audiencia potencial de máis de 13 millóns de espectadores, ao ofrecerse a través das primeiras canles de ambos países e pola RTP Internacional, que leva o sinal polas comunidades lusófonas de todo o mundo, así como por TVG Europa e TVG América. A RTP e a CRTVG desenvolven numerosos proxectos conxuntos no eido audiovisual e institucional. Entre eles, a realización de documentais, programas e coproducións de ficción, como as series ‘Auga seca’, ‘Verán M’, ‘Vidago Palace’ ou ‘Motel Walkirias’, actualmente en preparación. A canle lusa leva sete anos realizando con éxito cada sábado ‘Aquí Portugal’, un magazine divulgativo e musical, en directo. Pola súa parte, a TVG levou a cabo esta colaboración do programa no últimos anos desde Santiago de Compostela, Lugo ou Recesende, e este ano desde Sanxenxo, nas Rías Baixas.

Na foto, os presentadores do anterior especial ‘Aquí Portugal: O Porto’.

Fuente Crtvg.es