Televisión de Galicia estrea o 8 de novembro a segunda temporada da serie ‘Auga seca’

0
11

Santiago, 03.11.2021.-   A serie ‘Auga seca’, un drama policial situado no tráfico de armas e estreado con éxito na súa primeira temporada, regresa en novembro á Televisión de Galicia. Esta nova entrega, que foi rodada entre Vigo e Lisboa coas máximas medidas sanitarias e protocolos de prevención da covid-19, consta de 8 novos episodios de 50 minutos rodados orixinalmente en galego e portugués. A ficción é unha coprodución de Portocabo coa produtora portuguesa SPi para as canles RTP e Televisión de Galicia, e chegará o día 8 á Galega.

A primeira temporada de ‘Auga seca’ obtivo o galardón á mellor serie nos recentes Premios Celtic Media 2021. Os usuarios da CRTVG teñen dispoñible a primeira temporada ao completo na súa plataforma enserie.gal, o servizo en liña de cine e series da TVG. Esta ficción foi ademais a primeira serie en lingua galega que chegou á plataforma de distribución HBO como aposta da CRTVG por estender a lingua e o audiovisual galego polos mercados internacionais.

A segunda temporada, rodada entre Vigo e Lisboa, propón unha viaxe ao pasado de dúas familias: os Duarte e os Galdón. O que lle acontece a cada membro dunha familia irremediablemente aféctalle ao resto. Os espectadores presenciarán as complexas interaccións entre os personaxes e verán como saen a relucir as mentiras que contan -a eles mesmos e ao resto- para evitar sufrimento, pero que en realidade lles traen máis dor. Porque en ‘Auga seca’  o pasado non é o que parece. A protagonista, interpretada pola actriz portuguesa Victoria Guerra, está acompañada por actores galegos e lusos como Monti Castiñeiras (Mauro Galdón), Sergio Pazos (inspector Viñas), Eva Fernández (Irene), Adriano Luz (Lázaro) ou Igor Regalla (Abel), xunto a novas incorporcións como Pêpê Rapazote (João) ou Luana Piovani (Costa). Toño López volve asumir a dirección, canda o realizador portugués Sérgio Graciano e baixo a produción executiva de Alfonso Blanco, de Portocabo, creador da serie, e de José Amaral, de SPi. O guión corre a cargo de Carlota Dans, Roberto G. Méndez, Miguel Simal, Alfonso Blanco, Nina Hernández e Ana Míguez; a dirección de fotografía é de Lucía C. Pan e Manuel Pintos, e a música é de Elba Fernández e Xavi Font.

As claves desta segunda temporada
    
‘Auga seca’, tal e como explica o seu creador, Alfonso Blanco, de Portocabo, “é unha serie deseñada para dúas temporadas que funciona como iceberg”. Na primeira temporada soamente se amosa a superficie, pero ten unha historia interna moi poderosa, que inunda todas as relacións e que cobrará unha gran relevancia na trama destes novos 8 capítulos. Esta segunda temporada estará chea de tensión, emoción, drama e intriga e, sobre todo, intimamente ligada ao territorio en que se desenvolve. Trátase dunha serie orixinal da produtora galega Portocabo en coprodución internacional con SPi (Portugal) para RTP e TVG, dispoñible en HBO España e Portugal.

Fuente Crtvg.es