Televisión de Galicia, líder de audiencia en maio entre a xente nova

0
1

Santiago, 01.06.2020.- A Galega afianzou un mes máis a confianza dos galegos, medrando 5 décimas respecto do mes de abril. Neste mes de maio, a cota de pantalla da canle pública foi dun 9,7% no conxunto do día e dun 10,1% no prime time, datos que corresponden, sen dúbida, á intensificación do labor informativo de luns a domingo, e ao mantemento e mesmo reforzo da oferta de entretemento da canle pública. Isto fixo que a TVG mantivese no mes de maio o liderado das súas franxas informativas de mediodía e que, amais, fose a canle elixida maioritariamente entre os espectadores de entre 13 e 24 anos. Este dato confirma a tendencia de renovación do público da TVG en faixas de idade onde o consumo de TDT é cada día máis complicado de conseguir.

Entre os 25 espazos máis vistos en Galicia neste mes, só aparecen 5 informativos, e os 5 son informativos da TVG. Así, ‘Galicia noticias’ xunto co ‘Telexornal mediodía’ situáronse entre os seus máximos anuais de audiencia con cotas para o ‘Galicia noticias’ dun 25,9%, ou para o ‘Telexornal Mediodía’, cun 24,1% o día 28.

Nos últimos días do mes, coincidindo coa volta controlada de público aos programas en directo, o prime time da TVG acadou cotas próximas ou que superan o 14%  con ‘Land Rober Tunai Show’, ‘Luar’ e ‘Bamboleo’. Estes datos fan que a TVG acade a segunda posición do prime time cun 10,1% de cota, por diante de canles públicas e só superado polo prime time de Tele 5 en Galicia.
 
No que respecta á rede de canles autonómicas reunidas en FORTA, a TVG supera a media de canles autonómicas en 1,8 puntos de cota máis no conxunto do día e 1,6 puntos máis no prime time.

#Coidémonos, a campaña do servizo público

Nunha situación sen precedentes, e nestes tres meses de crise sanitaria, a Televisión de Galicia reorganizou os seus recursos, técnicos e humanos, sempre mantendo as medidas necesarias para garantir a saúde dos seus traballadores tanto dentro como fóra das súas sedes. Aumentáronse os puntos de directo, abríronse todos os programas ao diálogo coa audiencia e cos principais referentes técnicos e sanitarios da crise, alongáronse ‘A revista’ e o ‘Telexornal mediodía’, e o matinal ‘Bos días’ pasou a emitirse os sete días da semana. E todo isto reforzado por unha campaña corporativa sen precedentes, en todos os programas e en todos os soportes, e moi especialmente nas redes sociais. Baixo o lema #Coidémonos, a TVG editou centos de vídeos e consellos para facer chegar aos galegos, dun xeito sinxelo e veraz, as mensaxes de prevención, consellos e normas durante o estado de alarma.

                                                    #Coidémonos   

Fuente Crtvg.es