Tensión, emoción, drama e intriga na segunda temporada da serie ‘Auga Seca’, que hoxe se estrea na Televisión de Galicia

0
8

Santiago, 08.11.2021.-    A serie ‘Auga Seca’ (23.10 h), un drama policial situado no tráfico de armas e estreado con éxito na súa primeira temporada, regresa este luns á Televisión de Galicia. Esta nova entrega, que foi gravada entre Vigo e Lisboa, consta de 8 novos episodios de 50 minutos rodados orixinalmente en galego e portugués.

‘Auga Seca’ é unha coprodución de Portocabo coa produtora portuguesa SPi para as canles RTP e TVG. Esta ficción foi ademais a primeira serie en lingua galega que chegou á plataforma de distribución HBO como aposta da CRTVG por estender a lingua e o audiovisual galego polos mercados internacionais.

Esta segunda temporada estará chea de tensión, emoción, drama e intriga e, sobre todo, intimamente ligada ao territorio en que se desenvolve. Nos novos capítulos, a serie propón unha viaxe ao pasado de dúas familias: os Duarte e os Galdón. O que lle acontece a cada membro dunha familia irremediablemente aféctalle ao resto. Os espectadores presenciarán as complexas interaccións entre os personaxes e verán como saen a relucir as mentiras que contan -a eles mesmos e ao resto- para evitar sufrimento, pero que en realidade lles traen máis dor. Porque en ‘Auga Seca’ o pasado non é o que parece.
    
A protagonista, interpretada pola actriz portuguesa Victoria Guerra, está acompañada por actores galegos e lusos como Monti Castiñeiras (Mauro Galdón), Sergio Pazos (inspector Viñas), Eva Fernández (Irene), Adriano Luz (Lázaro) ou Igor Regalla (Abel), xunto a novas incorporcións como Pêpê Rapazote (João) ou Luana Piovani (Costa).

No capítulo desta noite, os espectadores verán como a morte de Fran fronte á comisaría supón un shock para todos. Un golpe terrible para a familia Galdón e especialmente para Teresa, que está convencida de que Fran descubriu algo. Séntese culpable por involucralo nas súas sospeitas sobre os movementos da maquinaria da ‘auga seca’.

O inspector Viñas lidera esta nova investigación, que apunta a Abel Furtado como principal sospeitoso do asasinato. Ao decatarse disto, Mauro busca vinganza e pídelle a Lázaro a vida de Abel como represalia. Lázaro é reticente, pero acepta. A cambio, Mauro debe acometer a seguinte operación de tráfico acordada, moito máis grande que a anterior.

Fuente Crtvg.es