Toda a emoción da penúltima xornada de 2ª B, esta fin de semana nos medios públicos galegos

0
0

Santiago, 30.04.2021.-    O fútbol de 2ª B será, unha fin de semana máis, protagonista na programación deportiva da segunda canle da Galega, que comezará o sábado ás 17.00 h coa retransmisión do Rácing de Ferrol-C. D. Numancia, un decisivo encontro correspondente á segunda fase da competición, que suporía a entrada do equipo ferrolán na Primeira RFEF en caso de vitoria. Se gaña o Numancia, daría un paso importante para este mesmo obxectivo, que tería que revalidar na última xornada fronte ao Deportivo da Coruña.

A continuación, será a quenda do baloncesto, xa que se ofrecerá en directo, a partir das 19.00 h, o partido da Liga LEB que disputarán o Leyma Coruña e o HLA Alacante. Despois de dúas derrotas consecutivas, o conxunto de Pedro Rivero viaxa á Coruña cun cadro minguado polas molestias físicas dos xogadores para enfrontarse a un equipo que ten xa asegurada a súa presenza no play-off de ascenso á Liga ACB.

A oferta matinal do domingo estará centrada no partido da segunda fase de 2ª B R.C. Celta B-Cultural Leonesa, que se xogará no Municipal de Barreiro ás 12.00 h. Os vigueses chegan con ilusión á quinta xornada tras gañarlle ao Valladolid B no Anexos José Zorrilla por 0-5. Pola súa parte, os visitantes sufriron unha derrota ante o Unionistas no último partido.

Xa pola tarde, en ‘A Liga das Cidades’, poderase ver en directo, a partir das 17.00 h, parte do encontro entre a S. D. Compostela e o C. Marino de Luanco. Ao Compos só lle quedan dúas citas para poñerlle punto e final a unha atípica temporada, en que se acadou o obxectivo inicial da permanencia. Con todo, tras unha parte do campionato pelexando cos mellores, o premio final sabe a pouco.

Ademais, o programa presentado por Lorena Pose ofrecerá o seu habitual carrusel de Terceira División, coa atención posta nos partidos Bergantiños-Arousa, Vilalbés-Choco e Arzúa-Ourense.

A xornada rematará ás 19.00 h, coa retransmisión do duelo entre o R. C. Deportivo e a U. P. Langreo. O equipo coruñés afronta o seu último partido en Riazor loitando pola permanencia. Para que a salvación sexa matemática, os brancos e azuis teñen que gañarlle a un Langreo que non ten nada en xogo e agardar que o Numancia non saque os tres puntos na súa visita ao Rácing na Malata. Un triunfo soriano en Ferrol obrigaría o Dépor a ter que xogar o seu futuro a vindeira semana nos Pajaritos.

Fuente Crtvg.es