Santiago, 16.04.2021.- Os medios públicos galegos achegarán a xornada completa dos equipos galegos na 2ª B de fútbol esta fin de semana. Deste xeito, a G2 e a web da CRTVG ofrecerán, en directo, os partidos cruciais do Rácing de Ferrol, Coruxo, Celta B, Pontevedra, Compostela e Deportivo.
As transmisións comezarán o sábado na G2, ás 17.00 horas, cun carrusel de 2ª B, en que se simultanearán os partidos do Rácing de Ferrol-Marino de Luanco e o Coruxo F. C.-R. Oviedo. Ambos encontros ofreceranse, en directo, a través da web da CRTVG. Nesta terceira xornada da Segunda Fase da 2ª B na Malata, o Rácing deberá ir por todas para gañar e recuperar os puntos despois de perder o seu último encontro. Por agora, o conxunto anfitrión sitúase no terceiro lugar e sete puntos por diante do Marino Luanco na clasificación. Pola súa parte, o Coruxo disputará o encontro no Campo do Vao, con ganas de remontar tamén a súa posición tras empatar o último partido. Neste caso, os visitantes, segundos na táboa, están por diante dos galegos, cunha diferenza de só tres puntos.
Os medios públicos mudarán de disciplina, a continuación, para ofrecer unha nova cita do Leche Río Breogán-Tau Castellón (19.00 h), correspondente á LEB Ouro de baloncesto. Os galegos, líderes da categoría, terán fronte a eles un contrincante esixente e complexo, situado a só dous puntos por debaixo.
O fútbol galego de 2ª B tomará a remuda o domingo na G2 e na web da CRTVG, que achegarán o R. C. Celta B – Burgos C. F. (12.00 horas). Un gran reto para o filial do club vigués que continúa líder e competindo polo ascenso a Segunda División.
No tempo de ‘A Liga das Cidades’ ofreceranse simultaneamente, a partir das 17.00 horas, o Pontevedra-Lealtad, e o Compostela-Langreo. Estes partidos poderanse ver, de xeito íntegro, pola web. Pontevedra e Compostela, en busca da vitoria, deberán bater estes dous equipos asturianos fortes e ben armados.
A maiores, ás 19.00 h, ofrecerase o R. C. Deportivo-S. D. Numancia. Coruñeses e sorianos, con historias e vidas parellas, mediranse en Riazor co obxectivo da permanencia na Primeira RFEF, despois dun ano moi difícil para estes clubs, en que ambos están clasificados na cuarta posición, a un punto e a cinco, respectivamente, da loita polo ascenso. Os dous conxuntos descenderon a temporada pasada nunha última xornada marcada polo caso Fuenlabrada.
E a través da web da CRTVG transmitirase, amais, ás 17.00 horas, o Bergantiños F. C – Arenteiro, correspondente á Terceira Galega.
Fuente Crtvg.es