Todas as claves para entender a cultura castrexa, esta noite na serie documental ‘Os Castros’

0
14

Santiago, 25.11.2020.-  Toda forma de vida, coa súa economía, xera unha cultura, unha forma de estar no mundo e de entendelo. Na entrega desta semana da serie documental ‘Os Castros’ (22.30 h), os espectadores da TVG poderán achegarse á cultura castrexa, que algúns autores definiron como unha cultura atlántica.

Para isto, a presentadora do programa, Alba Mancebo, saudará os espectadores desde o castro de Santa Trega, enriba da desembocadura do Miño no Atlántico. Pola súa localización estratéxica, polo seu tamaño e polos restos materiais que se atoparon nas escavacións, é evidente que este castro foi un enclave económico e cultural moi relevante. Por el pasaban as rutas do comercio marítimo co Mediterráneo e, acompañando aquel intercambio comercial, producíase unha trasfega de ideas e achegas coas que se foi enriquecendo a cultura castrexa, sen facerlle perder nunca a súa orixinalidade en ningunha das súas expresións artísticas, como a escultura, a cerámica e a ourivería.

Era a castrexa unha cultura celta? Que valor lle daban os castrexos á arte? Que significaban os torques ou as estatuas de guerreiros? Queda algo en nós da cultura castrexa? Estas e outras cuestións terán resposta esta noite nunha nova entrega de ‘Os Castros’.

Fuente Crtvg.es