Todo preparado na TVG para retransmitir as badaladas de fin de ano

0
29

Santiago, 30.12.2021.-  Televisión de Galicia ten todo disposto para despedir o ano por todo o alto e como merece a ocasión: con diversión, coas doce uvas da sorte e na mellor das compañas. Desde a praza do Obradoiro de Santiago de Compostela, serán protagonistas da retransmisión das badaladas nesta noite de fin de ano tres rostros moi coñecidos para a audiencia da Galega, como son a piragüista Teresa Portela, medallista olímpica e un dos nomes propios do éxito do deporte galego e os presentadores do ‘Malicia noticias’ Arturo Fernández e Noelia Rey. Con eles conectará minutos antes da medianoite Xosé Ramón Gayoso, o presentador da Gala de Noitevella da Galega.

A sorpresa da noite virá da man das Tanxugueiras -Aida Tarrío e as irmás Olaia e Sabela Maneiro-, que estarán tamén presentes neste programa tan especial de Badaladas 2021, en directo desde a praza do Obradoiro. Ademais, os espectadores poderán desfrutar de dúas actuacións do trío galego que aspira a representar a España na vindeira noite de Eurovisión.

Con 15 medallas nos Mundiais de Piragüismo, 17 no Campionato Europeo e 5 diplomas olímpicos, Teresa Portela é unha lenda do deporte galego e un dos referentes do deporte español desde hai dúas décadas. Nos Xogos Olímpicos de Tokyo alcanzou o cumio da súa carreira, ao conseguir con 39 anos a medalla de prata no K-1 200 m. Ademais, coa súa participación nas últimas Olimpíadas, converteuse na primeira española en competir en seis edicións dos Xogos. Pola súa parte, Arturo Fernández e Noelia Rey son unhas das caras máis populares da TVG, a través do ‘Malicia noticias’, onde contan, de domingo a mércores, a actualidade dun xeito moi diferente.

Fuente Crtvg.es