Touriñán, David Perdomo, Fátima Pego e Noemi Rodríguez traen, con ‘Catro gatos’, a mellor das risas á TVG

0
31

Santiago, 20.01.2022.-  Catro coñecidos artistas e un encontro semanal nun bar, para rir e pasalo ben, son os principais ingredientes do novo espazo ‘Catro gatos’, que se estrea este domingo na Televisión de Galicia. Esta nova aposta polo humor da TVG buscará que a audiencia escache coa risa coa comicidade e a espontaneidade de catro profesionais galegos do enxeño, a improvisación e a chispa, como son Xosé A. Touriñán, David Perdomo, Fátima Pego e Noemí Rodríguez.

Neste divertido formato, que mestura o faladoiro cómico cos sketchs humorísticos, estes amigos reuniranse nun bar para falar nun ton bromista sobre distintos aspectos das súas vidas, de anécdotas persoais e das súas inquedanzas. Cada un deles lembrará un acontecemento que dará paso aos sketchs cómicos, onde cada un dos actores interpretará diferentes personaxes.

‘Catro gatos’ chegará á canle pública galega os domingos, arredor das 20.20 horas, na franxa do ‘access prime time’, inmediatamente antes da emisión do ‘Telexornal Serán’. Producido por Tex45 Producións para a TVG, coa colaboración de Undodez, este novo espazo de humor consta de 13 episodios, de 25 minutos de duración cada un.

Xosé A. Touriñán, un dos cómicos máis recoñecidos do país, é actor, produtor e guionista, que comezou a súa carreira na TVG coas Cantareiras de Ardebullo, en dúo con Marcos Pereiro. ‘Padre Casares’, ‘Air Galicia’, ‘Tourilandia’, ‘Land Rober Tunai Show’ e ‘Era visto!’ son algunhas das súas aparicións máis aplaudidas. Nos últimos anos participou en series como ‘El desorden que dejas’, ‘Justo antes de Cristo’, ‘Antes de perder’ ou ‘Fariña’ e no teatro en ‘Unha noite na praia’, ‘Somos criminais’ e ‘Fariña’.

Pola súa parte, Fátima Pego é cantante, actriz e reporteira, así como unha das artistas máis recoñecidas da verbena galega, onde saltou á fama como cantante da orquestra París de Noia. Na actualidade está centrada na súa faceta como actriz e reporteira, formando parte do equipo de programas da Televisión de Galicia como ‘Sabadeando’ ou ‘Quen anda aí?’ .

Noemi Rodríguez formouse na ESAD de Galicia e logo realizou un máster en Artes Escénicas na Universidade de Vigo e un curso de posgrao na London International School of Performing Arts. Actriz, directora e pedagoga, traballou para o Centro Dramático Nacional, o CDG ou a English National Opera, entre outras. No ámbito audiovisual é coñecida polas súas participacións en ‘A esmoga’ (Ignacio Vilar, 2014) e ‘Land Rober Tunai Show’.

E David Perdomo é músico, guionista, actor e un dos humoristas máis orixinais e arriscados de Galicia. Formado como actor en Casa Hamlet, na compañía Estragón e no festival internacional de Avignon, David acadou a fama cos seus personaxes creados para internet en ‘S Koruño’. Na televisión participou no ‘Land Rober Tunai Show’ da TVG, ‘Ecce Perdomo’ e ‘La noche D’.

‘Catro gatos’ está dirixido por Jairo Iglesias e Xosé A. Touriñán e conta con guións de José L. Prieto, Manuel Cortés e Xosé A. Touriñán.

Fuente Crtvg.es