TVG convida a coñecer Galicia como nunca se vira en ‘Un país en 360’, desde o vindeiro luns no ‘prime time’ da Galega

0
12

Santiago, 04.12.2019.-    A Televisión de Galicia estrea o luns 9 de decembro ‘Un país en 360’, o primeiro programa de televisión que incorpora a realidade virtual como eixe principal do seu contido e que xerará pezas para seren vistas en 360 ou en estereoscopia, tanto na primeira canle coma no YouTube da televisión pública. Todo isto, co obxectivo de poñer  os espectadores no centro da acción, nun paseo innovador polo patrimonio e a paisaxe. ‘Un país en 360’ é unha aposta dos medios públicos galegos pola innovación e a nova linguaxe audiovisual combinada coa intención de difundir a riqueza dos espazos naturais e monumentais, pero cun punto de vista ben diferente.

‘Un país en 360’ levará a audiencia a lugares como a Ribeira Sacra, a Mariña lucense, a Costa da Morte ou as Illas Atlánticas, na compaña de convidados diferentes cada semana. Os espectadores/as poderán, por primeira vez, observar os 360 graos dos lugares máis representativos da comunidade, xunto a imaxes esféricas, efectos little planet ou selfies tipo ‘Matrix’ e ángulos nunca vistos, interactuar e elixir o plano que queiran ver.

A cámara 360 que levará a presentadora, Estíbaliz Veiga, será capaz de saír polas ventás, introducirse no oco das árbores, achegarse ao alto dos retablos ou mergullarse no fondo mariño. Cada semana e levando na man un soporte coa cámara, Veiga fará deporte, entre outros, barranquismo, esnórquel, piragüismo, ioga ou sendeirismo, falará coa veciñanza e presentará os monumentos máis salientables.
    
‘Un país en 360’ fará o patrimonio e a paisaxe galegos accesibles para todos, e terá un bloque final en que persoas con diferentes capacidades dirixirán un voo dun dron que sobrevoará paraxes inaccesibles doutro xeito para o público.
    
O programa foi gravado maioritariamente con cámaras 360 e de 3D, o que  permitirá descubrir Galicia dun xeito inmersivo, xa que o público vai estar no centro da acción. Ademais, os contidos dos programa poderán verse na canle de YouTube da TVG con lentes de realidade virtual empregando un teléfono móbil. Deste xeito, o espectador poderá revivir en primeira persoa a viaxe proposta en cada programa.

O primeiro capítulo, dedicado á Ribeira Sacra, emitirase o luns no prime time da Galega.

Fuente Crtvg.es