Un derbi de Primeira de fútbol sala, o MXGP de Mantova e fútbol, na oferta deportiva da CRTVG esta fin de semana

0
2

Santiago, 24.09.2021.-  Unha nova fin de semana, os medios públicos galegos ofrecerán variadas disciplinas deportivas con protagonistas galegos. Tanto a G2 como a web da CRTVG transmitirán, en directo, fútbol sala feminino na Primeira División, unha nova proba do Campionato do Mundo de motocrós MXGP e fútbol de Segunda División RFEF.

A oferta futbolística comezará o sábado, ás 17.00 horas, coa transmisión do Coruxo F. C.-Real Avilés C. F., partido correspondente á cuarta xornada da Segunda División RFEF. O conxunto asturiano é un rival coñecido para os vigueses que, debido ás obras de reforma no campo do Vao, xogarán no campo Pardellas en Ponteareas. O domingo, a G2 e a web da CRTVG ofrecerán tamén, ás 17.00 h, o partido que enfrontará o C. D. Arenteiro e o Salamanca C. F.

Este sábado, os medios públicos galegos comezan tamén a emitir cada xornada, en directo, un dos partidos destacados na liga francesa de fútbol. Así, os espectadores da G2 poderán ver hoxe, ás 21.00 horas, o encontro que disputará o París Saint-Germain F. C. contra Montpellier S. C. Máxima expectación neste partido para ver en acción os xogadores do conxunto parisiense, con figuras como Messi, Neymar, Mbappé, Sergio Ramos, Di María, Rafinha, Ander Herrera e Keylor Navas.

A Primeira División RFEF Feminina de fútbol sala permitiralles aos espectadores da Galega gozar o sábado, ás 19.00 horas, o derbi que xogarán o Poio Pescamar F. S. e o Pescados Rubén Burela F. S., dúas potencias galegas que darán o máximo para facerse coa vitoria.

E o domingo continúa a emoción do Campionato do Mundo de Motocrós nos medios públicos, que ofrecerán ás 13.00 e ás 16.00 horas, o MXGP de Mantova, desde a rexión italiana de Lombardía. O lucense Jorge Prado parte nun cuarto posto na táboa, a 12 puntos do primeiro posto, tras recuperar unha chea de puntos na clasificación xeral na última proba de Sardeña, onde se situou como líder Herlings.    

Fuente Crtvg.es