Un novo concerto do ciclo ‘Galicia Emerxe’ trae á G2 a sonoridade fascinante das propostas de Rodrigo Romaní

0
4

Santiago, 02.06.2021.-  A G2 achega esta noite, ás 23.45 horas, un novo concerto do ciclo ‘Galicia Emerxe’, a cargo de Rodrigo Romaní, un dos artistas máis destacados do folk galego e un dos artífices da renovación da música tradicional galega. Membro fundador do mítico grupo Milladoiro, é un músico multiinstrumentista con especial predilección pola guitarra, o bouzouki, a ocarina e, sobre todo, a arpa céltica, como un dos seus introdutores en Galicia, ademais de impulsor de proxectos como a orquesta SonDeSeu.

Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola segunda canle da Galega, e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h), amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h). Ademais, os espectadores poderán ver todos os concertos xa emitidos na páxina da CRTVG.

No ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, gravados no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, contarase nas vindeiras semanas coa música de Novedades Carminha, Triángulo de Amor Bizarro, Susana Seivane, Uxía, Eladio y los Seres Queridos e De Vacas, entre outros.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’ no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.

Fuente Crtvg.es