Unha nai do rural galego e outra pouco acostumada a saír do asfalto cambian as súas vidas en ‘A miña familia pola túa’

0
15

Santiago, 05.02.2020-   Unha semana máis, o programa ‘A miña familia pola túa’ (22.25 h) presentará dúas familias con costumes moi distintos e dous estilos de vida radicalmente opostos. Nesta ocasión, cambiarán as súas vidas entre si unha nai do rural galego e outra pouco acostumada a saír do asfalto.

Dolores, a nai do mundo rural, traballa a diario na explotación gandeira e agrícola que posúe. Debido ao seu traballo, non se maquilla nin se arranxa nunca, a imaxe persoal non é importante para ela e tampouco a orde nin a limpeza do seu fogar, para o que asegura que non ten tempo. No seu intercambio, verase obrigada a limpar e ordenar segundo as normas estritas da nai de asfalto e, ademais, terá que transformarse nunha vendedora de cosméticos que leva unha manicura perfecta, vai ao salón de peiteado dúas veces por semana e coida o seu aspecto ao detalle. Será capaz de asumir este cambio radical? Gañará o duelo contra unha clienta do máis esixente? Superará o reto do algodón?

Pola súa parte, Paula odia a vida no campo, nunha tivo contacto con animais de granxa nin desexa telo voluntariamente e malgasta ambientador cada vez que un lixeiro olor lle afecta ao nariz. Por este motivo, tampouco lle gusta cociñar. No seu intercambio verase obrigada a muxir vacas, mancharse sacando as patacas nun percorrido de 200 metros de terra e cociñar nunha lareira tradicional baixo un fumarento lume. Superará o reto de preparar unha tortilla con oito ovos? Será capaz de baixar do tacón para limpar esterco? Poderá vivir sen maquillarse a diario?

Os espectadores da TVG verán que ocorrerá cando, pasados os primeiros días de convivencia, Dolores e Paula impoñan as súas normas. Adaptaranse as familias a vivir baixo unhas regras que son totalmente contrarias ás súas?

Fuente Crtvg.es