Unha nova cita do Burela de fútbol sala pon en marcha as retransmisións da Radio Galega esta fin de semana

0
3

Santiago, 14.11.2019.-  O ‘Galicia en goles’ principia o venres na Radio Galega coa retransmisión desde Vista Alegre do partido de liga entre o Burela e o Zaragoza, correspondente á Primeira División de fútbol sala. O programa comezará ás oito e media do serán, conducido por Paco Santos, e no que tamén será protagonista a última hora dos equipos galegos con vistas aos compromisos da fin de semana.

O sábado, das tres da tarde ás once da noite, Xoán Galán dirixe as transmisións do Estremadura-Deportivo, da Segunda División de fútbol, e Manresa-Obradoiro, da Liga ACB de baloncesto.

O domingo, a edición matinal principia ás doce co Rácing de Ferrol-Melilla como partido destacado e o sorteo da Copa do Rei de fútbol, con sete equipos galegos no bombo: Celta, Deportivo, Lugo, Rácing de Ferrol, Pontevedra, Coruxo e Bergantiños.

Ás tres, a sesión de tarde centrará a atención no Lugo-Rácing de Santander, de Segunda División A; o Pontevedra-Marino, de Segunda B; e a xornada ao completo na Terceira Galega. O programa tamén contará desde Abegondo o Deportivo-Logroño, da liga feminina.

A partir das oito e media do serán, adestradores e xornalistas debaterán no ‘Faladoiro’ sobre os resultados dos equipos galegos e o debate continuará ás once da noite en ‘Ao Contraataque’. Os dous espazos de opinión poderanse ver polo ‘streaming’ de Mira RG, na web da Radio Galega.

O sábado, a emisora autonómica oferta outras opcións deportivas. Á unha da tarde, Alfonso Pardo chega a Salceda de Caselas para dar voz ao piragüismo en augas bravas. Ás once da noite, Rodrigo Pérez repasa a actualidade do motor en ‘Gas a fondo’. E ás once e media, Toni López García actualiza o deporte olímpico no ‘Galicia en Toquio’.

Fuente Crtvg.es