Unha parella explosiva de Vigo, a formada por Mendu e Pili, protagonista este martes en ’48 horas para o si’

0
12

Santiago, 25.01.2022.-   ’48 horas para o si’ (23.05 h) acode este martes á súa cita coa TVG cargado da enerxía e coa inxección positiva e amorosa dos dous protagonistas desta edición, Mendu e Pili. O mozo, Javier Menduíña ‘Mendu’ quere sorprender a súa parella, Pili Pumar, cunha petición de man e organizando unha voda inesquecible que deixe atrás as malas experiencias que tiveron coas súas respectivas e anteriores relacións.

Esta pode ser a segunda voda para cada un dos membros desta parella todo terreo de Vigo, que leva xunta e inseparable desde hai 3 anos. Mendu, quen polo seu anterior traballo de relacións públicas no mundo da noite, tiña fama de conquistador, fixouse nela cando lle sacaba unha foto a un grupo de amigas, entre as que estaba Pili. Agregouna ás redes sociais e comezaron a falar. Ela, unha fan incondicional de Freddie Mercury, recepcionista de profesión e moi alegre, confesa que coñeceu con Mendu o amor de verdade aos 50 anos. A parella, que entre os dous achegan 5 fillos, convive co pequeno de Pili.

Mendu, un romántico empedernido e tamén moi divertido, contará como cómplice coa axuda da súa amiga María Mundín para levar a cabo en 48 horas todos os preparativos para a posible celebración da voda. Alba, estilista da Coruña, e Rubén e Fer, dous organizadores de vodas coruñeses asentados en Marín, tamén contribuirán a facer realidade o soño do noivo.

El arriscarao todo para conseguir o ansiado ‘si, quero’, pero, cal será a reacción de Pili? A resposta, esta noite, nunha nova entrega do programa ‘48 horas para o si’, con Iolanda Muíños como mestra de cerimonias.

Fuente Crtvg.es