Unha voda galego-venezolana e un enlace moi folclórico, esta noite en ‘Casamos!’

0
9

Santiago, 21.10.2020.-    Os enlaces máis románticos, divertidos, curiosos e entrañables serán protagonistas un mércores máis na Televisión de Galicia cunha nova entrega dobre do programa ‘Casamos!’.

Os protagonistas da primeira entrega desta noite serán Rubén e Patricia, cuxa historia demostra que existe o amor a primeira vista. Antes de coñecérense non tiveran moita sorte nas súas relacións, pero nunca perderon a confianza de atopar a parella das súas vidas.

Cando Rubén coñeceu a Patricia, un auténtico furacán venezolano, soubo que ela ía ser a elixida. Tres meses de relación foron suficientes para decidir que querían casar e comezaron a preparar o seu gran día. Así pois, os espectadores da TVG verán esta noite un enlace galego-venezolano onde non faltará a emoción, a festa e, sobre todo, o amor.

No amor, coma na vida, as aparencias enganan. Este é o caso de Vanesa e Álex, a segunda parella de hoxe. Ninguén apostaba pola súa historia porque… que ían ter en común unha militar e un gaiteiro? Cando superaron os prexuízos, decidiron ir por todas e selaron o seu amor no programa ‘Luar’.

Hoxe tamén queren escribir o seguinte capítulo da súa historia na Televisión de Galicia e por iso casan diante das cámaras de ‘Casamos!’, cun enlace moi folclórico en Tui, onde non faltará a música, o baile e moita emoción.

Fuente Crtvg.es