Uxía e Javier Ruibal, Malvela, A Roda e Lucía Pérez, e Hydn presentan en ‘Luar’ as súas novas propostas musicais

0
30

Santiago, 13.5.2022.-  Os sons da nosa terra son protagonistas absolutos nesta edición festiva do musical da TVG, dedicado hoxe a celebrar a efeméride do Día das Letras Galegas. Neste senso, ‘Luar’ (22.00 h) arranca o venres coas novas propostas de Uxía Senlle e o gaditano Javier Ruibal, recoñecidos artistas cunha ampla experiencia musicando poetas, que uniron agora o seu bo facer para publicar o disco conxunto ‘De tu casa a la mía’, onde homenaxean a poesía a través dos versos e a alma de dúas figuras universais, como son Rosalía de Castro e Federico García Lorca.

Outras mulleres que recorren ás letras de Rosalía nas súas cancións son as integrantes de Malvela. O grupo de cantareiras de Mos acode tamén cun novo traballo discográfico, ‘O benquerer’, que presenta coincidindo co vinte aniversario do lanzamento do seu primeiro álbum, ‘Que o pano non me namora’.

A compositora e intérprete viguesa Noelia Solleiro, gañadora da última edición do certame da CRTVG ‘A canción do verán’, realizará nesta ocasión a súa achega máis especial cun tema dedicado ás Letras Galegas.

Desde Vigo chegará esta noite tamén o grupo de música tradicional A Roda que, nunha das súas intervencións, compartirá escenario con Lucía Pérez para ofrecer ‘Aí o vén’, canción dedicada ao Xacobeo, composta por A Roda no ano santo de 1999, agora con novos arranxos e coa interpretación da cantante do Incio.

O público de ‘Luar’ coñecerá este venres a Hydn, artista galega antes coñecida como Sandra Guedev e excompoñente do grupo Inland Valley, que acaba de comezar o seu camiño en solitario co seu novo sinxelo ‘Drowning Fire’.

Amais, gozarase co tema ‘Sigo sen control’ da cantante galega Karla Lima; coa espectacular posta en escena da orquestra Los Satélites e coas actuacións da Asociación Cultural Donaire.   

Finalmente, Xosé Ramón Gayoso e Trisha Fernández darán paso unha nova edición de ‘Recantos’, con Celtia Buján (Terras de Lugo) e Miki Fernández (Noia-A Barbanza) en competición. O dúo Campos e Crespo achegará os números de humor da velada, mentres que o bote do concurso telefónico parte hoxe con 12.500 euros.

Fuente Crtvg.es