‘Vaia Troula’ regresa esta noite á TVG cunha gran batalla entre o choco de Redondela e a troita de Sigüeiro

0
48

A presentadora, Noelia Rey, e as reporteiras do programa (22.40 h) formarán dous equipos, o choqueiro e o troiteiro, gozarán da troula nas festas de exaltación destes produtos e comprobarán as súas virtudes culinarias

'Vaia Troula' regresa esta noite á TVG cunha gran batalla entre o choco de Redondela e a troita de Sigüeiro

Santiago, 17.05.2023.-   O ‘Vaia Troula’ volve á Televisión de Galicia este mércores pola noite cun programa distinto e moi especial. Neste caso, os espectadores van vivir unha espectacular batalla do máis divertida entre os chocos de Redondela e as troitas de Sigüeiro, en Oroso, onde só poderá quedar un dos dous produtos.

A mestra de cerimonias de ‘Vaia Troula’, Noelia Rey, e as reporteiras do programa van formar dous equipos: o choqueiro e o troiteiro, para competir ata o final e decidir quen é o gañador da noite. A emoción está servida. A presentadora estará en Redondela para capitanear o equipo choqueiro xunto á reporteira Noelia Salgado. Alí gozarán da Festa do Choco, irán de pesca, probarán unha chea de receitas feitas con este manxar negro e, sobre todo, cantarán e bailarán cos maiores fans do choco: os redondeláns.
    
Pola súa parte, Adela Bértolo será a capitá do equipo troiteiro e contará  co apoio da reporteira Amanda Fernández. Elas estarán en Sigüeiro, no concello de Oroso, para pasalo en grande na súa multitudinaria Festa da Troita. Alí aprenderán a pescar troitas e cociñalas de mil maneiras. Pero o máis importante será troulear cos veciños e veciñas deste concello, que queren demostrar que a troita é quen de dobregar o choco nunha batalla tan dura coma esta.
    
Quen será o gañador? Haberá que agardar ata o remate do programa para vivir con tensión as puntuacións finais. Chocos ou troitas? Este mércores pola noite, no regreso do ‘Vaia Troula’ á TVG.

Fuente Crtvg.es