Valentín González Formoso: «Serei candidato se os galegos e galegas así o queren»

0
11

Santiago, 18.01.2022.-  Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG, foi entrevistado este martes no informativo ‘Bos días’ da Televisión de Galicia, onde expuxo, entre outros temas, os cambios no grupo parlamentario socialista, co novo voceiro, Luís Álvarez, e novos vicevoceiros: Julio Torrado, Begoña Rodríguez Rumbo e Leticia Gallego.

O secretario xeral dos socialistas galegos explicou que teñen por diante un reto importante, como é o de ser «a correa da transmisión daquelas inquedanzas que a sociedade galega lle transmita ao partido nas xuntanzas que están a manter cos diferentes colectivos». Formoso destacou que o traballo entre o grupo parlamentario e o partido vai seguir coma sempre e que as instrucións políticas nacen no seo dos órganos executivos do PSdeG. En canto ao papel de Gonzalo Caballero, o secretario xeral do PSdeG  salientou que no grupo todos terán a súa función e que Caballero levará unha área en que se sente cómodo, e que “na área económica é onde ten máis que achegar”.
 
Coa renovación dos órganos provinciais, Formoso destacou que as primarias xeran confrontacións de proxectos. Cre que nalgunhas provincias haberá acordos, como foi o caso de Lugo, e noutras haberá votación final. Calquera das dúas fórmulas, implica, dixo, «que a democracia impera no Partido Socialista».
    
Sobre quen marca a axenda política dos socialistas galegos, Formoso destacou que son «representantes dunha ideoloxía en Galicia e que a quen van representar é aos galegos e que esa é a visión que deben ter os socialistas galegos». Afirmou que a principal realidade que teñen que afrontar é o sistema sanitario galego. Destacou que o Goberno galego terá todo o apoio dos socialistas. En canto a outros intereses, dixo que o partido socialista vai estar con Galicia e que non haberá confrontación coa Xunta ou co Executivo.

Macrogranxas
Sobre a polémica das macrogranxas, Formoso dixo que as declaracións do ministro non foron afortunadas e que ten que «ter a  cautela suficiente para saber que estas declaracións poden ter un impacto negativo. Ten que buscar outros motivos para ter protagonismo político», porque «cando se fan ese tipo de declaracións no estranxeiro, iso ten unha influencia negativa«. Dixo que o sector cárnico emprega en Galicia 20.000 familias e que é un produto de calidade. Non quixo entrar en se debería de dimitir e convidouno a visitar unha granxa galega e que vexa cal é a súa realidade.

Candidato á Xunta de Galicia polo PSdeG
Ao preguntarlle sobre se será o candidato á presidencia da Xunta de Galicia polo PSdG, o secretario xeral dos socialistas galegos dixo que «será se os galegos e galegas así o queren» e que “se de min depende, serei candidato á Xunta». Afirmou que será a militancia quen referende a súa intención, pero que non se presentará se a súa mensaxe non cala en Galicia.

Fuente Crtvg.es