Valladolid-Celta e Lugo-Almería, os partidos da xornada de ‘Galicia en Goles’

0
31

Santiago, 25.09.2020.- Os afeccionados ao deporte teñen unha intensa fin de semana para gozar pola Radio Galega. O venres, desde as 20:30 horas, o programa estará pendente da Copa Galicia de baloncesto feminino na Malata, co partido Uni Ferrol-Maristas da Coruña, e do fútbol sala de preparación para a próxima liga co Noia-Parrulo Ferrol

O sábado, desde as 15:00 horas, ‘Galicia en goles’ analizará os encontros amigables desenvolvidos durante a xornada matinal e retransmitirá as citas da tarde: Arenteiro-Compostela e Arzúa-Unión Deportiva Ourense. O baloncesto estará presente por partida dobre, co Breogán-Valladolid masculino e o Arxil-Cortegada feminino. O comezo da división de prata de balonmán, o atletismo veterano e o rally da Auga completarán a oferta do día.

Xa o domingo, a edición matinal adianta o seu comezo ás 11:45 h coa retransmisión desde o Anxo Carro do Lugo-Almería, de Segunda División A. Desde as 15:00 horas, a sesión de tarde fará un amplo despregamento para o Valladolid-Celta, de Primeira División, no José Zorrilla. O Obradoiro-Betis, de ACB, e o Cangas-Puente Genil, de Asobal, tamén terán presenza na tarde deportiva. A partir das 20:30 horas, adestradores e xornalistas debaterán no faladoiro sobre os resultados dos nosos equipos. Desde as 23:00 horas, Pedro Pablo Alonso continuará coa reflexión dos especialistas na edición dominical de ‘Ao contraataque’.

Ademais, a fin de semana trae á Radio Galega unha nova entrega de ‘Convivir deportivo’. O sábado, ás 13:00 horas, Alfonso Pardo presenta o traballo da Federación Galega de Birlos, desde Viana do Bolo. Ás 23:00 h, Rodrigo Pérez dedicará ‘Gas a fondo’ ao rally da Auga, mentres Toni López repasará ás 23:30 horas a actualidade olímpica no ‘Galicia en Toquio’.

Fuente Crtvg.es