‘Vidago Palace’, a primeira serie coproducida pola TVG e a RTP, chega a HBO España

0
15

Santiago, 01.08.2020.-    A serie da Televisión de Galicia e a canle pública portuguesa RTP ‘Vidago Palace’ estréase este sábado 1 de agosto en HBO España. Drama romántico de seis capítulos, foi a primeira coprodución galego-portuguesa das canles públicas e agora pode verse en HBO. Desde o 31 de maio está dispoñible en HBO Portugal, onde se estreou con grande éxito de público e desde hoxe, en España.

Producida pola galega Portocabo e aportuguesa Hop Filmes, ‘Vidago Palace’ transcorre nun luxoso escenario, o hotel e spa aberto en Vidago a comezos do século XX para recibir os persoeiros máis notables da sociedade europea e nun contexto marcado polos Xogos Olímpicos de Berlín, a ditadura de Salazar en Portugal, o inicio da Guerra Civil en España e a voda de Carlota de Vimiero con César Augusto da Silva, o evento máis agardado do verán. Mais Pedro, o fillo dun empregado do hotel, e Carlota, logo do seu primeiro encontro, tecerán a súa propia historia. ‘Vidago Palace’ é a historia dunha muller e un home dispostos a se enfrontar a todo para poderen vivir o seu amor.

Mentres que o portugués Henrique Oliveira foi o responsable da creación e dirección da serie, no guión tamén participaron Pepe Coira e Araceli Gonda, traendo parte da historia á fronteira entre Galicia e Portugal no verán do 1936. Con Micaela Lupu, Pedro Barroso e David Seijo como protagonistas, no elenco atópanse destacadas actrices e actores galegos como Antonio Mourelos, Eva Fernández, David Novas, David Amor, Sheyla Fariña ou Xosé Antonio Touriñán. Ademais, figuran no equipo recoñecidos profesionais do audiovisual galego, como Alfonso Blanco na produción executiva, Ana Míguez na produción, Xavi Font como creador da banda sonora ou Antonio Pereira na dirección de arte.

Esta estrea en HBO súmase a outras accións recentes, como a chegada da serie ‘Auga Seca’ tamén a HBO en abril, coas que a CRTVG segue estendendo a lingua e o audiovisual galegos polos mercados internacionais. ‘Auga Seca’ foi a segunda produción da TVG que leva o galego a unha plataforma dixital, despois de ‘O sabor das margaridas’, todo un éxito internacional en Netflix desde 2019.

Ademais, outras producións de Televisión de Galicia seguen o seu percorrido internacional, como ‘Matalobos’, que foi vendida á plataforma dos EUA e América Latina Ocean New Media, a través da distribuidora Videoplugger; ‘Hotel Almirante’, que tamén chegará a través desta mesma distribuidora a unha plataforma SVOD con sede nos EUA e ao servizo de homevideo MHZ Choice; e ‘Tres camiños’, produción internacional participada pola TVG que poderá verse en Amazon Prime Video a comezos de 2021. E, no ámbito do público infantil, a serie ‘As aventuras de Minchi’, que se verá nunha plataforma OTT na China.

Fuente Crtvg.es